Montse Prado, deputada do BNG que sufríu o coronavirus en primeira persoa, afirma que faltan medios e «os rastrexos son mellorables»
21 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.«A vida ten que seguir», di Montse Prado para rematar a entrevista, e abofé que seguirá, aínda que a experiencia que vén de pasar deixoulle pegada. A voceira de Sanidade do BNG no Parlamento de Galicia dou positivo en covid-19 o 22 de xaneiro e, un mes despois, segue erguéndose da cama cunha sensación de esgotamento permanente. «Quedas baldado, o teu corpo non volve ser o de antes», afirma. Ela e a súa parella, Duarte Correa, están pasando a enfermidade xuntos. Empezou el sufrindo febre, dor de cabeza e tose, como se dunha gripe se tratara, e aos tres días comezou ela a presentar un cadro similar. Puxéronse en contacto co Sergas e, como temían, deron positivo en coronavirus; afortunadamente, a nai de Montse, coa que convive e ten 84 anos, dou negativo.
A parella confinouse na súa casa de Oubiña (Cambados) coa única indicación de tomar paracetamol para combater a dor e a febre. «Pero con iso non chega», explica Prado, e os síntomas agravábanse cada día que pasaba. Ao outro lado do teléfono ninguén lles daba unha solución e tivo que pasar unha semana ata que os derivaron ao Hospital do Salnés, onde compartiron habitación durante seis días.
Á deputada diagnosticáronlle pneumonía bilateral, cuxas secuelas persisten, sen saber ata cando nin en que medida lle afectarán no futuro. De momento está na casa coa expectativa de poder incorporarse ao seu traballo no prazo dunha semana para seguir dando a batalla na defensa da sanidade pública, unha loita que cre máis necesaria que nunca nestes tempos de pandemia.
Aparte do impacto persoal que lle supuxo pasar o coronavirus -compárao cun tsunami-, se algo saca en limpo desta experiencia é que a única forma de combater o virus é cun sistema sanitario forte e de xeito colectivo. O compromiso individual á hora de protexerse é importante, si, pero ela é un bo exemplo de que non é suficiente. «Nós tomabamos todas as medidas de prevención, non faciamos vida social e eu comía soa no meu despacho do parlamento, precisamente porque temos unha persoa de risco na casa;, e, aínda así, contaxiámonos».
A nacionalista, boa coñecedora do servizo de saúde galego, foi testemuña da «fatiga e a saturación» que acumulan os profesionais e o propio sistema. Pide máis medios humanos para os centros de saúde e os hospitais e lamenta a demora nos plans de vacinación: «Non podemos deixar en mans das multinacionais o tema das vacinas para que mercadeen coa nosa saúde. A economía non pode estar por riba da saúde», apunta, e pídelle á Administración e aos cidadáns que non se deixen arrastrar polas estatísticas e non esquezan que detrás dos números hai persoas que sofren.
A súa vivencia co coronavirus pode resumirse en dúas palabras: incerteza e desamparo. Incerteza. porque atopouse cunha enfermidade para á que non hai cura e da que se descoñecen os efectos a medio e longo prazo, e desamparo, porque houbo moitos momentos nos que non atopou respostas. Desde que lle diagnosticaron covid-19 ao seu compañeiro de vida tiveron que pasar catro días, que lle resultaron eternos, para que lle fixeran a PCR a ela e á súa nai, e logo viviu con angustia o feito de ver como ninguén lle daba un remedio máis aló do paracetamol. «Non vas ao centro de saúde para non saturar o sistema pero, por outro lado, tampouco podes seguir na casa empeorando, que fas?», reflexionaba onte. «Non hai o seguimento preciso dos casos, cando cortar a cadea de contaxios é fundamental; vexo o sistema sanitario moi debilitado e os rastrexos son moi mellorables. Os profesionais fan o que poden, pero non hai medios nin fármacos».
Con todo, o coronavirus tamén deixou un pouso positivo: «A rede de afectos que xera», porque a Montse e a Duarte non lles faltou neste tempo o apoio dos seus.