Foi unha despedida a meca rara, como todo neste ano, certificada polo persoal da casa do mar da localidade
20 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.O persoal da casa do mar do Grove foi o encargado de certificar a triste nova: o pasamento de Dona Ansiada Vacina. Don Carnal e dona Coresma comunicaron a morte da súa filla, a sardiña, que onte foi despedida na vila meca. Foi unha despedida rara, como todo neste ano. Foi unha despedida estraña, como estraño foi o Entroido. De feito, fontes do centro de saúde confirman que foi a tristura pola cancelación da súa festa o que provocou a morte da sardiña. Queda descartado, pois que o seu falecemento tivera nada que ver nin co covid-19 -fóranlle subministradas as dúas doses da vacina, e na súa quenda, sen coller atallos-, nin coa pulmonía que, din algúns, se sortea entre as persoas que teñen que facer cola diante dunha entidade bancaria da vila...
Tendo en conta que nestes tempos de pandemia todo tipo de reunións está limitado, estaba claro que o enterro da sardiña non ía ser multitudinario: a capela ardente quedou instalada nun lugar segredo onte pola mañá. Pola tarde foi o velorio, e xa a noitiña, polos altofalantes da furgoneta de Cándido Mascato, puidéronse escoitar nas rúas do Grove o Testamento, as Ladaíñas e o Sermón na súa honra. Todo iso é da autoría de Inocencio Alcatraz, ese home do Entroido que ata hai dez anos adoitaba encargarse das honras fúnebres do Entroido meco. Este ano, con todo cancelado, Alcatraz-Mascato regresou e armou o libro do Enterro da Sardiña atendendo aos cánones de antano. Non lle falta detalle! «Como se cancelou todo, decidín facer o libro e saír coa furgoneta; a ver se a xente se anima un pouco». A ver se o lume purificador co que remata o entroido é quen de devolvernos á normalidade perdida.