¿Por que o Arousa encara o final da primera fase sen case marxe de erro?

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

CAPOTILLO

O cadro arlequinado figura no quinto posto nunha clasificación virtual da liga de ascenso

12 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Seis empates consecutivos obrigan a calquera equipo que aspire a conquistar unha das dúas primeiras plazas finais da súa categoría a acender as luces de advertencia. Mesmo cando a pobre xeira de resultados sinalada semella non ter incidencia sobre a clasificación provisional, como no caso dun Arousa que se mantén segundo do Subgrupo 1B da Terceira, aos mesmos 3 puntos do Arenteiro logo de non pasar o mércores do 0-0 na súa visita, en partido aprazado, a campo ourensán. Mais nesta tempada marcada pola pandemia, os 24 equipos galegos da Terceira traballan con dúas clasificacións. A do seu subgrupo. E a combinada de ambos os dous. Con esta última na man, con obxectivos separados por un mundo de distancia, tanto o Arousa como o seu veciño C.D. Ribadumia, incapaces de gañar un partido de Liga desde o 8 de decembro, manobran sobre a base de que a súa marxe de erro, máis no caso arlequinado, quedou reducida practicamente á nada á hora de encarar os seus sete últimos encontros da primeira fase do campionato.

A Real Federación Española de Fútbol fixou este curso un sistema de competición en tres treitos na Terceira, pensado para reducir os custos dos clubs con subdivisións en base á cercanía xeográfica, pero tamén para, en plena pandemia, poder asegurarse completar a lo menos o primeiro e certificar ascensos e descensos cun criterio obxectivo. Así, unha vez se xoguen as 22 xornadas da primeira fase, cos 24 equipos galegos repartidos nunha liga a dobre volta os das provincias do sur, por un lado, e os das do norte, polo outro, abriráse unha segunda fase na que os tres primeiros clasificados dos dous subgrupos pelexarán por dous ascensos directos á nova Segunda División R.F.E.F., a cuarta categoría do balompé español desde a vindeira tempada. Os clasificados entre o cuarto e o sexto postos xogarán a súa particular liguiña por dous postos nunha repesca con eliminatorias directas por un terceiro e último pasaporte á Segunda R.F.E.F., e os conxuntos do sétimo ao duodécimo lugar, doce en total, a súa, con oito descensos ao final do camiño. As tres liguiñas, a dobre volta, pero cos equipos xogando só cos rivais cos que non se tiveran medido na primeira fase e arrastrando todos os puntos colleitados nas 22 xornadas desta.

O Arousa aspira a meterse no sexteto de cabeza, e rematar entre os dous primeiros para non ter que acudir á repesca na que entrarán os dous mellores equipos da fase intermedia. A cuestión é que neste intre, co mesmo número de partidos xogados, o Arousa (27 puntos) aparece quinto na clasificación combinada dos subgrupos 1A e 1B. Pero o que é máis preocupante, con 5 puntos de desvantaxe co líder virtual da mesma, o Somozas (32), e 3 e o goalaverage perdido co Arenteiro (27 puntos); rivais que, como o arlequinado, levan 15 partidos xogados. O cadro de Rafa Sáez aparece ademais 1 punto por debaixo dun Bergantiños (28) con dous encontros menos, empatado a 27 co Polvorín e só con 3 puntos de colchón sobre o Alondras, cos dous últimos equipos cun choque pendente. E con unicamente seis partidos en xogo, na segunda fase será moi difícil recortar distancias de saída máis aló dos 4-5 puntos. 

  

Os da Senra, a tiro de 2 puntos da salvación

No polo oposto da Liga, o C.D. Ribadumia pasou en cuestión de dous meses de comezar a barallar a posibilidade de gozar do premio da liguiña do grupo intermedio da Terceira e mesmo optar ás eliminatorias de repesca por un terceiro ascenso á Segunda R.F.E.F., a ver como se lle complican as cousas tras encadear un empate e catro derrotas, ocupando hoxe a penúltima praza no Subgrupo 1B.

De rematar hoxe a primeira fase do campionato de Terceira, o Ribadumia figuraría entre a ducia de equipos que pelexarían por eludir os oito descensos á Preferente. A clasificación combinada dos dous subgrupos galegos da Terceira situaríao sétimo nesa listaxe de doce náufragos na procura da volta a terra firme. Os 15 puntos en 14 partidos deixarían o Ribadumia a tiro de 2 do cuarto, un Silva pendente de saber que capacidade terá de sumar os 6 puntos que ten por disputar para igualar os encontros xogados polo cadro aurinegro. Cun choque máis resolto co Ribadumia e 4 puntos de vantaxe aparecen o Rápido de Bouzas e o Atios xusto por debaixo dun Arzúa que lles leva 5 puntos aos de Luis Carro en igualdade de comparecencias en Liga. Claro que o equipo aurinegro inda ten o sexto posto do Subgrupo 1B a tiro de 2 a 5 puntos, cun partido menos co Ourense C.F.