O Cortegada pide que se volvan xogar os últimos 29 segundos co Rosalía

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Sandra Alonso

Dirixíu un escrito ó comité nacional de árbitros contra a técnica a Sara

02 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Faltaban 29 segundos e 8 décimas para o final do encontro no pavillón de Fontiñas cando Sara Gómez interceptaba un saque de banda do equipo local que lle proporcionaba ao Cortegada unha posesión de ouro con 62-63 no marcador. Pero a parella arbitral formada por Alejandro Pellitero e Samuel Martínez decidíu castigar a vilagarciá cunha técnica por, no seu criterio, invadir a zona de saque. Unha apreciación difícil de compartir vendo as imaxes do encontro e tan discutida na expedición arousá que o Cortegada acabou asinando a acta do duelo baixo protesta. Un primeiro acto de rebeldía contra a medida colexial que o club vén de acompañar cun escrito ao comité nacional de árbitros no que non só fai patente o seu enfado pola acción da parella Pellitero-Martínez, senón que solicita que se volvan xogar os derradeiros 29 segundos do partido por entender que a decisión foi errónea e resultou decisiva no desenlace, con 67-63 para o Rosalía nun choque entre dous rivais por eludir o descenso.

«O árbitro dille a Sara que pisa a liña e na imaxe do partido -enviada xunto co escrito a Madrid- vese que non pisa en ningún momento. Xa está ben! Xa está ben!», clamaba onte o vicepresidente do Cortegada. Porque, di José Gorgoso, chove sobre mollado: «Esta tempada houbo moitas decisións arbitrais moi discutibles que nos afectaron de maneira negativa e con rivais coa auga ao pescozo».

Sen marxe de erro xa na visita este sábado do Arxil

A da Cortegada é a peor xeira de resultados en marcha de entre os 14 equipos do Grupo A da Liga Femenina 2. Cinco derrotas consecutivas arrastra o conxunto de Javier Nogueira. Unha serie agravada polo feito de que as dúas últimas se sucederon ante dous dos catro equipos que o cadro vilagarcián ten inda a man para escalar a lo menos un posto na clasificación e evitar acabar sendo o cuarto conxunto da LF2 en perder a categoría a finais de marzo.

O 73-55 na cancha do Maristas Coruña e o 67-63 na do Rosalía son especialmente sensibles ademais por perder en ambos os dous casos o Cortegada o basketaverage, sendo pois a súa desvantaxe real de 3 triunfos. De aí que este sábado, en Fontecarmoa, a visita do Arxil se convirta nunha final.

«Temos que deixar a presión na casa e empezar a espabilar», di a directiva

A directiva da Agrupación Deportiva Cortegada non agochaba onte o seu profundo malestar co trato que o seu primeiro equipo está a recibir en momentos clave de partidos decisivos para o futuro da franquicia na Liga Femenina 2. Con todo, e feito o que entende era a súa obriga, facer constar a súa queixa pola vía oficial cun escrito ao comité nacional de árbitros, os responsables do club vilagarcián fan o que toda organización intelixente, mirar dentro da propia casa para entender o porqué do penúltimo posto do cadro arousán na clasificación. Con tan só un triunfo de vantaxe sobre o pechacancelas, que perderá a categoría ao termo da Liga, e dous por debaixo dos catro rivais cos que debe pelexarse o Cortegada por evitar unha penúltima praza con papeletas para o descenso.

«A situación está complicada. Estamos vivos. Inda dependemos de nós» con nove partidos por diante, sinala José Gorgoso. Con todo, dálle ao cadro de xogadoras que desde decembro adestra Javier Nogueira un toque de atención do máis inusual na longa traxectoria da directiva do Cortegada: «Estamos convencidos de que hai equipo suficiente para superar a situación. Pero temos que empezar a espabilar. O que non podemos é deixarnos levar pola presión. Hai que deixar a presión na casa e empezar a espabilar». Esa é a única actitude que, entenden desde a cúpula do club, evitará situacións como a de arrincar un partido crucial cun rival directo como o Rosalía encaixando 22 puntos no primeiro cuarto (22-15).