Dos holocaustos de acotío

La Voz

AROUSA

Miguel Paquet

24 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

H olocausto ten etimoloxía grega cun significado gráfico: queimar todo. Os dicionarios de galego dan unha definición distinta do da Real Academia Española e refírense a «un sacrificio relixioso entre os antigos xudeus no que unha vítima era queimada completamente», tamén a «vítima así sacrificada». O castelán e o portugués engaden «gran matanza de seres humanos» e, con maiúscula, «exterminio sistemático de xudeus e doutros grupos humanos levado a cabo polo réxime da Alemaña nazi». Na fala común galega esta palabra describe o mesmo que en castelán e portugués: a acción xenocida nazi contra os xudeus. En poucos días está sinalado o Día Internacional de Conmemoración anual en memoria das vítimas do Holocausto, polas persoas que aniquilou o réxime instaurado en Alemaña antes e durante a Segunda Guerra Mundial: un exterminio por pertenceren a unha raza ou ter unhas crenzas determinadas. Inexplicable entón e inintelixible hoxe. Seguirémonos a estremecer sempre con fotografías, documentais, películas ou descricións deste xenocidio pero pareceranos que tal monstruosidade ocorreu en épocas remotas. Non foi así. Por exemplo, cando eu nacín pasaran pouco máis de quince anos desde a fin da

Segunda Guerra Mundial, un abrir e pechar de ollos. Así que tal atrocidade sucedeu entre xente con, máis ou menos, conviccións e coñecementos actuais. Por moitas aclaracións que se busquen, por sisudos estudos que se fagan, non existe explicación capaz de esclarecer nin o porqué de tal matanza, nin os silencios coetáneos.

Tampouco se entende, e aí está incluso negado, que non se rexeite a actuación sistemática e xenocida por cuestións ideolóxicas que o réxime de Franco mantivo corenta anos. Aínda non son leccións aprendidas pola Humanidade quen, nin hoxe, asume que matar xente, e menos por pertencer a raza ou a relixión ou crenza diferentes, é unha monstruosidade. Sen ser exhaustivo e facendo constar que sempre foron precedidos de crispación política, convén lembrar exemplos actuais como o xenocidio que houbo, entre 1991 e 2001 na próspera Europa, durante as guerras iugoslavas nas que por conflitos étnicos e relixiosos, con tódolos coñecementos e experiencias acumulados de finais do XX e inicio do XXI, decidiuse que as cuestións de convivencia se solucionaban -había que respectar, non solucionar- matando unhas duascentas mil persoas. No 1994 asistimos ao xenocidio de Ruanda, cando morreron un millón de persoas maioritariamente da etnia tutsi -imposible de diferenciar da hutu-. E nestes días, mentres segue a haber millóns de desprazados, atentados, guerras relixiosas e persecucións, aí temos, á vista, aos rohinyás, a minoría máis perseguida do planeta, sen cidadanía, padecendo desde 2017 unha limpeza étnica, á que non lle é allea falar un idioma diferente do birmano, e con miles de mortos, mutilados e violadas. O próximo día 27 recordarase, porque o mundo non deixa de estar inzado deles, un dos holocaustos por ver se nos facemos racionais, eliminamos a crispación e instauramos o respecto para poder sentirnos Humanidade. Algún día será certo o mil veces prometido Nunca Máis.