Cacabelos reclama á Xunta ás «demandas históricas» do concello meco

La Voz O GROVE / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

O Concello reclamou a dotación de médicos de atención primaria. Ao mesmo tempo, o alcalde incidiu en reclamar á Xunta que destine recursos para, cando menos, comezar co proxecto técnico para a construción no novo centro de saúde do Grove

10 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Dentro da súa rolda de presentación aos alcaldes da provincia, a delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, mantivo onte unha entrevista co alcalde do Grove, o socialista José Cacabelos. Nese encontro, o rexedor trasladou, tanto de xeito oral como por escrito, algunhas demandas polas que a vila meca leva tantos anos agardando, que xa merecen o cualificativo de históricas.

Algunhas son, tamén, urxentes. Nese capítulo parece encaixar a «necesaria substitución da tubaxe de abastecemento de auga ao Grove, que precisa dunha actuación inmediata xa que desta conexión depende o subministro de auga potable da localidade». Outras reivindicacións trasladalas polo goberno local é o desdobramento da Autovía do Salnés no seu último tramo, o que desemboca na Lanzada. A incorporación da península meca a área metropolitana de Pontevedra e a creación da do Salnés foron outras das cuestións trasladadas no encontro, xa que son medidas imprescindibles para mellorar a mobilidade dos veciños do Grove.

Explican dende o Concello do meco que na reunión tamén se puxo sobre a mesa a reclamación da ampliación do Porto de Meloxo, «unha necesidade clara para o sector bateeiro do Grove». Tamén se reivindicou unha actuación integral no porto do Corgo, coa construción dun novo dique para o porto mariñeiro e a transformación do actual nun porto deportivo.

Sanidade

En canto a situación da sanidade, o Concello reclamou a dotación de médicos de atención primaria. Ao mesmo tempo, o alcalde incidiu en reclamar á Xunta que destine recursos para, cando menos, comezar co proxecto técnico para a construción no novo centro de saúde do Grove. No campo da cultura e do patrimonio, Cacabelos insistiu na posibilidade de que se recoñeza a área de protección histórica entre Carreiro e Area Grande, sendo importante apostar polo acondicionamento do xacemento de Adro Vello.

O Concello recorda que todas estas cuestións son de competencia autonómica, po lo que «so poden ser solucionadas mediante a intervención da Xunta de Galicia».