O autor reflexiona sobre a relación amor-odio da humanidade coa natureza
04 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.A raza humana forma parte da natureza, pero ten unha relación con ela de amor-odio. O home destrúe o propio hábitat e convive cos cataclismos, que nalgúns casos están influídos polo deterioro que el provoca e que se incrementarán co cambio climático. Temos que modificar forzosamente esa influencia actual do ser humano no planeta Terra porque está a provocar consecuencias desesperanzadoras. A relación home-natureza describiuse, ata agora, desde tres puntos de vista. A inicial visión antropocéntrica, con orixes escritos na biblia, considera que os recursos naturais existen para que o home dispoña deles. Dela pasouse á visión biocéntrica, na que ao home xa se lle esixe responsabilidade na conservación e coidado dos recursos naturais.
Estas dúas maneiras de entender a interrelación home-medio non conseguiron frear o proceso de destrución. E, por iso, xurdiu un terceiro xeito de enfocar esta convivencia: a visión ecocéntrica, na que se concibe á natureza, onde se integra o home, como suxeito de dereito, ata o punto de considerar que os espazos naturais dispoñen de personalidade xurídica propia e, polo tanto, poden defenderse con autonomía diante de calquera ataque, quedando facultados para esixir o recoñecemento e respecto dos dereitos bioculturais (biocultural rights). Esta novísima corrente vén de ter un recoñecemento explícito, outorgado pola Corte Constitucional de Colombia, admitindo a personalidade xurídica propia do río Atrato, que atravesa unha selva tropical, nun territorio de gran diversidade natural, étnica e cultural, onde conflúen múltiples grupos raciais e que está afectado pola minería para a extracción de ouro e platino, pola explotación forestal, a guerra e o narcotráfico.
No ano 2015 diversas ONG presentaron un litixio para defender os dereitos do propio río e das comunidades da súa ribeira. A Corte Constitucional de Colombia declarou que o río Atrato ten personalidade xurídica e que ostenta dereito á protección, conservación, mantemento e restauración. Ou sexa que ese río pode exercer accións dirixidas a que non se lle vulneren os seus dereitos, como calquera persoa xurídica. Antes fixéranse declaracións parecidas para o río Ganges na India e para o Wanganui en Nova Zelanda. Formando parte da comarca do Salnés, ademais do Parque Nacional das Illas Atlánticas, temos o denominado Complexo Intermareal Umia-O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira, sobre o que conflúen as denominadas Zonas de Especial Protección dos Valores Naturais Complexo Ons O Grove, Zona de Especial Conservación, Zona de Especial Protección para as Aves e Zona Ramsar. Un incrible tesouro natural. Imaxínense que esta visión ecocéntrica que se lle recoñeceu ao río Atratos se incorporase ao dereito español ou ao europeo e que esta zona natural dispuxese de personalidade xurídica propia para soster e exercer os propios dereitos para a protección, conservación e mantemento, podéndose defender por si mesma. Con seguridade sería un camiño, por exemplo, para acabar cos vertidos -insultante o de Sanxenxo na Revolta- e, tamén, para conservar os dereitos bioculturais dos que vivimos nesa Zona. Avanzariamos.