Festivala volve este ano a Vilagarcía para falar de feminismo e ecoloxía, dous movementos que teñen que ir da man na procura dun futuro mellor
13 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.É certo: Festivala non é un evento para todo o mundo. Quen nega a desigualdade e o patriarcado non estará a gusto. Quen non quere oír falar do cambio climático e da súa responsabilidade nel, tampouco. Quen permanece indiferente ao que acontece ao seu redor, non se atopará aquí coma na casa. Festivala, froito do traballo do colectivo O soño de Lilith, é un evento ideolóxico e político, dous rasgos que as súas nais reivindican con orgullo. Porque hai bandeiras que merecen ser erguidas e axitadas; causas polas que paga a pena mollarse. O feminismo e o ecoloxismo son dúas de elas, e este ano ondearán á par na programación que se desenvolverá dende hoxe mesmo na capital arousá.
A cuarta edición do Festivala chegará marcada, como todo neste ano, polas limitacións impostas polo covid-19. Tería sido sinxelo, para un colectivo que non vive da organización de eventos, aparcar desta volta a festa. «Pero este é un momento para ser valentes e levantar as bandeiras do feminismo e do ecoloxismo». A frase empregouna, durante a presentación do certame, Carmela Silva, a presidenta da Deputación, pero ben vale para resumir a decisión de todas las Liliths que forman o colectivo feminista de Vilagarcía.
Durante os vindeiros días, O Soño de Lilth irá debullando un programa de actos nos que o ecofeminismo será o eixo central e vertebrador. A liña arredor da que xirarán exposicións, talleres, películas, concertos... A figura de Berta Cáceres -unha muller, indíxena, feminista, ecoloxista asasinada pola firmeza da súa loita- será un dos fíos condutores dun Festivala no que, coma sempre, se quere poñer sobre a mesa o talento feminino e axitar conciencias.
Na praza de Galicia pódese visitar xa unha mostra na que os paneis que a conforman son unha sorte de bitácora do Festivala. Nela hai espazo para falar de Berta Cáceres, pero tamén de moitas ecofeministas galegas que están a impulsar pequenas empresas coas que cambiar o mundo con xestos cotiáns, como o uso durante a menstruación de elementos hixiénicos e ecolóxicos no canto de solucións tradicionais -as compresas, os tampóns- «que outros pensaron por nós co obxectivo de conseguir beneficio económico», segundo sinalou Carmela Silva.
A exposición é so un chanzo do Festivala. Hoxe, o programa tende pontes cara Vilaxoán e As Revenidas. Artistas como Lupe Blanco e Alba María, Suricar, Rebeca Santos e Aldaolado protagonizarán os concertos que se desenvolverán a partir das sete da tarde no parque de Dona Concha. A entrada é de balde, pero cómpre reservar praza: o covid obriga.
A seguinte parada no programa do Festivala será o día 16, grazas a un colaborador habitual do Soño de Lilith: o cineclube Ádega. Desta volta, o seu traballo conxunto cristalizará na proxección de La mujer y la montaña. A película dará paso a un coloquio coa antropóloga, enxeñeira e activista ecofeminista Yayo Herrero.
Seguimos camiño: para seguir contextualizando e profundizando no ámbito do ecofeminismo, a organización ten previsto desenvolver un obradoiro coa socióloga Iria Vázquez Silva. Será no auditorio, o venres a partir das sete da tarde, e levará por título «Ecofeminismo para a sustentabilidade da vida».
Pero Festivala non sería Festivala se non houbera música coa que bailar. Dese capítulo encargarase Somdolilá cun pasarrúas o sábado que vén, ás 12.30 horas. O prato forte chegará da man de Mercedes Peón e o seu traballo Déixaas, con Mónica de Nut e Ana Fernández. A cita, na praza da II República, ás nove da noite.