Do medo ao Cocón

AROUSA

MARTINA MISER

16 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando era neno, de aldea como agora, miña nai desafiábame para que durmise con que podía vir o Cocón e aínda teño na cabeza aquela nana: «Durme meniño / que aí ven o Cocón / levar o neno / que non durme, non». A verdade é que non sei se escribir Cocón con maiúscula ou minúscula, porque non o asocio a figuras como o Home do Saco ou o Sacaúntos -que tamén valían para asustarme- ou si sería máis ben un ser do común tipo marta, raposo, pega ou rapina. O arrolo era efectivo e durmíalle, ou por medo ou por ser guiadiño.

Recordos, xa afastados no tempo, que me veñen á cabeza na situación actual de peste polo tratamento que se nos dá á cidadanía con ocasión do covid 19. As mensaxes do Goberno están a ser mestura de anestesia e medo, empregando a dobre vía do triunfalismo e do temor. Moi diferente a cando foi da SIDA, con máis mortos, do ébola ou da gripe aviar. Este desasosego colectivo produce na cidadanía, asustada, unha situación xeneralizada de sociedade acrítica, durmida, que precisa aferrarse a algo. Por unha banda, a poboación está chea dun pavor que ata deriva en situacións de pánico que levan algúns xuristas a falar de aplicar a eximente de medo insuperable ao culpable de agredir a quen non leve embozo ou a persoas sospeitosas de estaren infectadas.

Paralelamente, temos un Goberno que bota por diante os corpos de seguridade, sacrifica ao sector sanitario e está a dar continuamente mensaxes de que todo vai ben por sermos os mellores do mundo enfrontándonos a esta pandemia coas «medidas máis drásticas de Europa (sic)». Mentres, os datos de mortaldade, tan confusos, son inexplicables, e as medidas adoptadas, ineficientes; porque temos os índices máis altos de contaxios, con excepcións nalgunha periferia como Galicia ou Canarias, polo de agora. Pero é que, ademais, a feble economía española, desindustrializada e dependente do sector servizos, cambaléase coma un púxil en knockout polo ring. En Galicia, a penuria dos autónomos tamén é de noqueo. Son as dúas caras, o monstro bifronte: a realidade dura, por unha banda e, pola outra, as mensaxes políticas triunfalistas, pero surrealistas.

E, por máis, nesta situación de pandemia, de medo xeneralizado, que non sabemos como afectará á poboación, resulta que o poder lexislativo, Congreso e Senado, marcha de vacacións. Montaron unha chamada Comisión para a Reconstrucción Nacional que disque tiña que propoñer solucións, pero chegou xullo e, veña, a folgar. No pasa ná.

Resulta obvio para calquera persoa normal que é imprescindible adoptar solucións lexislativas de índole sanitaria para conseguirmos non volver a ser campións mundiais en falecidos e contaxios, nin que se paralice o tecido produtivo. Pero quen o debe facer, os lexisladores, collen vacacións. Sempre poderán reaparecer os decretos lei ditatoriais. E xa discutirán as súas señorías no outono, bronceados e de vagar, medidas que, se cadra, proporannos, ou non, como agasallo de Nadal.

Vou entendendo por que me vén á cabeza aquela nana coa ameaza do Cocón: haberá que pórse a durmir, xa por medo, xa por guiadiños.