O Asmubal Meaño volve a Prata cun proxecto 90 % arousán

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

Balonmán A renuncia do Cañiza abríulle as portas ao equipo feminino do Salnés, que traballa para ver tamén nun ano o seu cadro masculino en categoría nacional

28 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A bisbarra do Salnés volverá gozar do balonmán da División de Honra Prata Feminina. O Asmubal Meaño regresará a vindeira tempada á segunda categoría para tentar quitarse a espiña da súa breve estrea, na campaña 2017/18. Faráo grazas á renuncia do Cañiza, claro campión da Liga de Primeira Autonómica galega, con 10 puntos de vantaxe sobre o cadro meañés cando xa só faltaban dúas xornadas para a conclusión do campionato no momento no que todo se parou en España pola pandemia do covid-19.

Silvia Lobato, que asumíu a responsabilidade da presidencia do club o verán do descenso de Prata tras varios cursos de tesoureira, sinala as contadas 24 horas que a mediados da semana pasada lle concedeu ao Asmubal Meaño a Real Federación Española de Balonmano para aceptar ou declinar a praza á que renunciara o Cañiza. A directiva valorouno co director deportivo da entidade, Víctor Garrido, e coa súa fichaxe estrela, o pontevedrés Luis Montes, que deixou a dirección do vestiario do Teucro de División de Honra Prata Masculina por un inicialmente Asmubal en Primeira Autonómica Feminina. E unha vez confirmada a implicación do groso das balonmanistas que xa se pecharan para o novo cadro de persoal do conxunto meañés, «decidimos que si» pese a tratarse «economicamente dun salto moi grande», sinala a presidenta da sociedade deportiva.

Concretamente, de multiplicar por dous os 17.000 euros que lle costou ao club a actividade do seu equipo sénior femenino en Primeira Autonómica. A cantidade mínima precisa, di a directiva, para encarar cunha forte aposta pola canteira a competición nun grupo de 14 conxuntos, tres deles asturianos, outros tantos castelán-leoneses, un cántabro, dous canarios e catro galegos máis, todos da provincia de Pontevedra: Lavadores, Porriño B, Carballal e S.A.R.

«O 90 % das xogadoras serán de Meaño, do Grove e de Sanxenxo», adianta Silvia Lobato, unha aposta a medio camiño entre a fidelidade e o amor propio polo traballo que o groso do actual equipo directivo vén facendo desde o 2012 para salvar, primeiro, e endereitar despois as arcas dun club en precario, e o desexo de que «as canteirás vexan que teñen unha saída no balonmán sen ter que marchar a outros equipos».

Esta mesma directriz guía o ambicioso proxecto que desde a tempada a piques de concluír está a cultivar o grovense Víctor Garrido logo de que a tempada pasada voltase da súa breve experiencia en Santa Comba, onde recalara tras o descenso do Asmubal de D.H. Prata Feminina. Tras recuperar este curso o cadro sénior masculino, que se disolvera un ano antes, Garrido vén de engadir a dirección deportiva do club ás súas tarefas como técnico.

No Asmubal dan por feito que a Federación Galega de Balonmán oficializará na súa asemblea xeral ordinaria, o 4 de xullo, o ascenso do equipo sénior masculino, líder da Segunda Autonómica no momento da suspensión das competicións polo estado de alarma sanitaria, prescindido da idea inicial de obrigar a unha promoción entre os catro mellores en setembro.

Tras recibir un ofrecemento da RFEBM tamén para o seu equipo masculino, neste caso para ocupar unha praza na Primeira Nacional, a directiva de Lobato considerou a opción «unha loucura que podía crebar o club». Con todo, da man de Garrido, Silvia Lobato manifesta que «nos atopamos con que ao final da vindeira tempada poderiamos ter os dous equipos séniores en categorías nacionais».