Nerviosismo, mosqueo, impotencia e indignación do remo arousán na ACT

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

Os vilaxoaneses Diego Suárez e Anxo Martínez relatan a semana de temporal levantado pola Xunta ao atar en terra a súa traíña, Cabo, e a de Ares

15 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O remo galego volta no día de hoxe ao mar, confirmaba o sábado a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia. Faráo unha semana despois co remo vasco e cántabro, que viron as tripulacións das súas traíñas comezar a acoplarse o luns da semana pasada tras a entrada das súas comunidades na fase 3 da desescalada do estado de alarma sanitaria polo covid-19. Unha fase 3 que arrincaron ao mesmo tempo ca Galicia, nos tres casos coas competencias do regulamento da actividade deportiva de volta ás mans das respectivas administracións autonómicas. Reinicios asimétricos tras tres meses de corentena moi criticados polos dous clubs galaicos na Liga Eusko Label (ACT), Cabo de Cruz e Ares.

Os vilaxoaneses Diego Suárez (29 anos) e Anxo Martínez (27) cumpren o seu quinto ano vogando na bancada da traíña de Boiro. Os seus testemuños recollen a treboada anímica e psicolóxica na que tivo que moverse a tripulación de Cabo de Cruz, tamén a de Ares, nunha semana pasada na que agardaban gozar de novo do vento mariño na cara.

«Hai un par de semanas confirmouse que o 4 de xullo arrincaría a Liga se todos os equipos podiamos dispoñer de a lo menos 15 días de adestramento no mar. Cando as competencias en deporte pasaron ás autonomías veu o nerviosismo», conta Diego. «Euskadi e Cantabria estaban preparadas e deron o o.k. para saír ao mar, e contaron cunha semana máis de adestramento. E aí comezou o mosqueo. O 8 de xuño, equipos de fútbol xa estaban adestrándose xuntos en Galicia, e nós tivemos que seguir en terra». O sentimento compartido entre os galegos da ACT é de «indignación total», di Suárez.

O non da Secretaría Xeral para o Deporte á volta á auga do remo galego «sentou mal», sinala Anxo Martínez. «No club dixéronnos que a Secretaría Xeral tiña medio apalabrado que puideramos saír o luns pasado ao mar, e chegou a noticia de que nada». O vilaxoanés de Cabo comenta que «despois de 3 meses sen poder navegar, e ver as fotos de equipos rivais saíndo ao mar, veste impotente. Os teus rivais levan unha semana de vantaxe, que nesta situación é moita. Sintes rabia».

O paradoxo de estar máis en forma ca nunca e ter maior perigo de lesionarse cos rivais

«Imos ter que curtir as mans e o cu, coller de novo a postura na traíña. E a da Coruña -a primeira bandeira da Liga Eusko Label, o 4 de xullo- é unha regata moi técnica, e vaise notar máis a desvantaxe dos galegos cos vascos e cos cántabros» lamenta Anxo Martínez ao analizar as consecuencias da decisión da Xunta de adiar nunha semana o regreso á agua das bancadas galegas.

O acoplamento e a evolución técnica das tripulacións poderían non ser as únicas grandes desvantaxes que Cabo e Ares sufran fronte aos seus dez rivais na ACT pola semana de diferenza na posta a punto exprés de cara a Liga. «Imos pasar dun traballo individual en casa a un traballo moi intenso en competición con moi pouco tempo de readaptación, e con maior perigo de lesións, dende roturas musculares a luxacións de articulacións», advirte Suárez, readaptador deportivo de profesión.

Dase o paradoxo de que o confinamento polo estado de alarma sanitaria rematou cos dous vilaxoaneses de Cabo declarando «unha melloría no noso rendemento respecto ao doutros anos» ao final da pretempada, que estenden á maioría dos compañeiros do club. Afeitos Suárez e Martínez a facer o groso do traballo diario invernal pola súa conta, o confinamento, co primeiro en ERTE ata hai tres semanas e o segundo quedando no paro, permitíulles unha preparación profesional sendo amateurs.

Noemí Vieites, Verónica Abalo e Valeria Suárez, o tridente feminino ao outro lado da ría

As traíñas masculina e feminina de Cabo de Cruz saen a última hora da tarde de hoxe ao mar. Con Anxo Martínez ocupando o seu posto na primeira. Diego Suárez, pola contra, deberá agardar ata o mércores por cuestións laborais, pero ese día «estarei alí como un cravo», di entusiasmado, botando en falta como Anxo o traballo na auga cos seus compañeiros, en condicións normais convertido en hábito a partir do mes de abril. Un grupo «moi motivado e ilusionado», con potencial «para non pasar apuros», afirma Diego.

Na bancada feminina, son tres as vilaxoanesas que este ano defenderán o escudo de Cabo na Liga Galega de Traíñas Feminina. A Noemí Vieites (27 anos), a veterana, nas filas do equipo de Boiro desde o 2016, e a Verónica Abalo (26 anos), que cumpre a súa terceira campaña ao outro lado da ría, súmase neste 2020 a irmá de Diego Suárez, Valeria, na que é a súa primeira tempada sénior (18).

Tras o subcampionato, só por detrás da hoxe disolta bancada de Mecos-Coruxo, e logo de quedar a un posto da final da Bandera de A Concha no 2019, as mulleres de Cabo aspiran desta ao máximo.

Afeitas as últimas tempadas a facer xuntas o traballo de inverno no ximnasio da piscina de Vilagarcía, Noemí e Verónica agradécenlle aos seus responsables terlles prestado cadanseu remoergómetros para poder adestrar na casa durante o confinamento. Traballo desigual, porque mentres a primeira, bateeira de profesión, non deixou a súa ocupación no confinamento, cunha rutina de deportista amateur lastrada ademais pola falta de pesas para a musculación, Verónica, dependenta ata hai dúas semanas en ERTE, di estar «físicamente como un toro».