O autor reflexiona sobre se poden modificarse os contratos que dificilmente poderán cumprirse por mor da peste, das medidas do Goberno ou da futura crise
31 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.En ámbitos xurídicos hai unha discusión que non chega aos afectados: comerciantes, inquilinos, empresas, consumidores. Trátase de dilucidar se poden modificarse e rescindirse os contratos que dificilmente se poderán cumprir, por mor da peste, das medidas adoptadas polo Goberno ou da futura crise. No ordenamento xurídico español impera o principio pacta sunt servanda que se plasma no Código Civil así: «As obrigas nacidas dos contratos teñen forza de lei entre as partes contratantes e deben cumprirse ao tenor dos mesmos». Ese é o criterio ríxido seguido polos tribunais, non sendo en casos excepcionais. Historicamente, perdóenme os termos latinos, vénse enfrontando ese pacta sunt servanda contra a cláusula rebus sic stantibus -poder transgredir o acordado se as circunstancias xa non son as mesmas que cando se contratou-.
A loita véna gañando o criterio de que hai que cumprir, por moito que cambien as cousas. Sen embargo, existen antecedentes que lle dan forza a harmonizar, ou ata a romper, o acordado cando as razóns polas que se contratou cambian radicalmente. Hai precedentes remotos como o Código de Hammurabi de 1750 a. C. que establecía que se un home tiña unha débeda e se lle queimaba o campo ou llo levaba unha enchente ou non chovía, estaba autorizado a non pagar ou a non entregar a parte de cultivo que correspondese. A common law inglesa prevé a efectividade da cláusula rebus sic stantibus, e é famoso o caso do alugamento dun piso en Westminster en xuño de 1902 para ver a procesión da coroación de Eduardo VII, no que os tribunais ingleses eximiron do pago do arrendamento ao non celebrarse tal ritual nos días anunciados por enfermidade do rei. En Francia, despois da Primeira Guerra Mundial, permitiuse rescindir contratos se aparecesen riscos imprevistos. No dereito alemán aplícase unha noción semellante. A Comisión Xeral de Codificación española ten elaborada unha reforma para a modernización do Código Civil de 1889 e propón que se as circunstancias que serviron de base ao contrato cambiasen de xeito extraordinario e imprevisible, poderíase chegar á revisión ou á resolución, se non hai acordos para manter a reciprocidade entre os contratantes.
A pesar de que a norma xeral é pacta sunt servanda, por considerarse que contradicila é perigoso para o sistema, en España, desde o 2014, véñense ditando sentencias que acomodan esa regra cando se producen alteracións de calado que provocan desproporción entre contratantes por cuestións imprevisibles, sobre todo en contratos de longa duración, dándolle cabida á excepción rebus sic stantibus. Nestes momentos difíciles sería desexable unha reforma legal que dese seguridade nesta cuestión. Sen esquecer que aos conflitos contractuais derivados desta pandemia pódenselle aplicar conceptos de tradición xurídica como caso fortuíto, forza maior ou imposibilidade de cumprimento. Así que, entre uns principios e outros, os afectados dispoñen de armas para combater situacións inxustas derivadas da peste e da súa regulamentación.