
Os temas que probablemente serán tratados nos tribunais xirarán ao redor de cuestións diversas
05 may 2020 . Actualizado a las 19:41 h.A Lei 40/2015, de Réxime Xurídico do Sector Público contén os principios de responsabilidade patrimonial das Administracións públicas, indicando que os particulares terán dereito a ser indemnizados polas lesións que sufran polo funcionamento normal ou anormal dos servizos públicos. O dano haberá de ser efectivo, avaliable e individualizado. Terase tamén dereito a compensación cando as perdas deriven da aplicación dunha norma con rango de lei que sexa declarada inconstitucional, co requisito de que o prexudicado teña alegado esa inconstitucionalidade. O Estado, comunidades autónomas, concellos e corporacións van ser demandados como consecuencia deste estado de alarma, regulado dun xeito tan confuso e indiscriminado. E sen a mínima dúbida, no caso de que o Tribunal Constitucional declare a inconstitucionalidade dos reais decretos que o rexen, as demandas caerán a miles e poderán poñer a Facenda Pública en risco, se antes non se lexislase adecuadamente.
Como sempre, cada litixio será un mundo e o seu resultado dependerá de variables para as que, agora mesmo, non é posible dar pautas xerais; pero non esquezamos que a responsabilidade patrimonial da Administración ten moito de obxectiva polo resultado. Ademais, temos que incidir en que a propia lei 4/1981 dos estados de alarma, excepción e sitio, sinala que quen, como consecuencia da aplicación dos actos e disposicións adoptadas durante a vixencia destes estados, sufra danos ou prexuízos por actos que non lles sexan imputables, terá dereito a ser indemnizado. Ou sexa: o lexislador xa asume a probabilidade de danos, por mor da excepcionalidade.
Os temas que probablemente serán tratados nos tribunais xirarán ao redor de cuestións diversas. A modo de exemplo, citarei as actuacións administrativas que excedan do contemplado na norma, como cando se restrinxen liberdades ou dereitos que non contempla a lei. Ou polo dificilmente entendible peche do pequeno comercio. Tamén, por poñer, no ámbito sanitario por dar diagnósticos errados, non prestar ou prestar tarde asistencia, incumprir a lex artis, xestionar defectuosamente os medios, por contaxios de enfermos con outras patoloxías, erros de diagnóstico ou por non adoptar medidas á vista de que a pandemia era previsible. Ou polos profesionais infestados, porque os medios facilitados polo Estado non os protexeron, ou simplemente por sufrir ese dano aínda que todo tivese funcionado ben. Ou as empresas, autónomos, traballadores, prexudicados en xeral, que poderían formular demandas polo peche dos centros de traballo e negocios alegando a inconstitucionalidade e que, aínda que perdan o litixio, se o Tribunal Constitucional declara que os reais decretos que rexen o estado de alarma son inconstitucionais, terían dereito a indemnización. E sempre tendo en conta que é esixible que as medidas que se diten sexan proporcionais, igual que as sancións impostas.
Cando se fala de Administración pública non está de máis lembrar que non só pode ser o Estado, senón tamén as comunidades, os concellos, o Sergas, outras corporacións. Incluso con responsabilidades solidarias. E chamabámoslle crise á do 2007.