Cal é a nosa proposta cultural?

Víctor Caamaño PORTAVOZ DO BNG EN CAMBADOS

AROUSA

MARTINA MISER

06 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Vimos de coñecer que a XX edición do Festival Xironsa non ten asegurada a súa realización pola falta de apoio económico do Concello de Cambados. Como ben di a asociación, este festival ten por obxecto a posta en valor da cultura e a lingua galega mediante a proposta de diferentes estilos musicais e culturais, integramente en galego, polo que é un evento de referencia en Galiza e, por suposto, o único que hai nesta liña na comarca. Esta foi a razón pola que a Concellaría de Cultura, do anterior goberno municipal, decidiu apoiar e apostar por un grande evento que deixaba claro o modelo cultural que defendía o BNG e que se complementaba, perfectamente, coa oferta da Festa do Albariño como os dous grandes eventos culturais de Cambados.

Con respecto á Festa do Albariño o BNG sempre considerou que a valoración cuantitativa, á que recorría o PP acotío para valorala, debería pasar a un segundo plano. Que as cantidades non definen en si mesmas a calidade dun evento deste tipo. Que o número de botellas vendido, as toneladas de lixo recollido ou o número de comas etílicos, como facía o PP, non deben ser os índices de seguimento do éxito da festa. A Festa do Albariño non ten problemas de asistencia de xente, senón, máis ben, todo o contrario, e nos últimos anos a afluencia masiva está a xerar determinadas problemáticas, como a do botellón, contra as que hai que facer novas propostas encamiñadas, polo menos, a minimizar este problema. Por esta razón, o BNG non entende a primeira proposta musical (Nicky Jam) anunciada polo goberno municipal para a Festa do Albariño, porque considera que é unha clara aposta pola masificación e polo botellón, por ser un modelo que segue na liña populista marcada hai anos polo PP e por ser un modelo musical que promove claramente o machismo.

Unha Administración pública non pode apostar por este modelo, e menos aínda se tenta definirse como un goberno de esquerdas, porque o feminismo hai que practicalo con exemplos, e non só predicalo. Non é compatible organizar un punto morado na Festa do Albariño e á vez contratar a un rapeiro que proclama o machismo desde as súas cancións.

Igualmente resulta difícil entender que este sexa un modelo aceptable para promover o viño albariño, un produto de calidade e co sinal de identidade da nosa terra. Un viño propio e de calidade que o próximo verán vai estar promovido por un modelo musical máis propio da «Festa dos Mojitos».

Finalmente, lamentamos que o goberno municipal abandone modelos culturais propios, como o do Festival Xironsa, mentres que aposte por modelos musicais desafortunados -aínda que masivos, por suposto-. En fin: populismo, pero polo menos o PP pode estar satisfeito de recuperar o seu modelo de festa.