A cambadesa estrea o domingo (18.30h) no auditorio da súa vila «A Malfalada», un disco de rock festivo e feminino
05 mar 2020 . Actualizado a las 15:41 h.Dúas cousas chaman poderosamente a atención trala primeira escoita do novo disco de Pauliña (Cambados, 1994). No musical entrégase xa decididamente ao rockabilly, con chiscadelas ao western e ao tex-mex. Mesmo se atreve cunha rancheira. No conceptual o disco afonda no compromiso feminista, pero dende unha perspectiva máis positivista -mesmo case me atrevería a dicir que festiva- e moito máis madura que no seu anterior De-xeneración. Orghullosa de ser muller titula unha canción. Unha declaración de principios a prol do empoderamento que, con maior ou menor sutileza, mantense como unha constante nestes dez temas. Hai amor, esperanza e tenrura pero tamén indignación, rebeldía e insubmisión.
-Cales son as sensacións que tes agora cando escoitas este disco?
-Noto un cambio brutal, maila que sei que aínda me queda moito por medrar. As letras son moito máis maduras e as músicas máis movidas. Dinme conta de que a reivindicación e o compromiso tamén caben nos ritmos festivos. Que unha reivindicación pode chegar máis lonxe se a sacas cun retrouso pegadizo.
-Musicalmente achégaste cada vez máis ao fronteirizo.
-Adoro as culturas diferentes como a mexicana ou, en xeral, a latinoamericana. E encántame poder fusionalas coa música americana que foi a que mamei dende pequena.
-Máis aló do musical, o eixo que vertebra o disco é o feminismo.
-Si, esa é unha loita que non vou deixar. Compráceme moitísimo que agora haxa tantas músicas galegas, como Sés, MJ Pérez, A Banda da Loba... que lle dean voz a iso. Ademais é unha reivindicación de empoderamento, xa non é de andar lamentándonos.
-En directo acompáñate unha banda formada só por homes. E iso?
-Cando gravamos o primeiro disco eu non tiña banda e púxoma a produtora. E foi tan ben, síntome tan cómoda, tan respaldada e cun respecto tan impresionante, que por suposto vou seguir con eles. Na música tes que ser familia enriba do escenario e abaixo. E nós sómolo: banda e familia. Tanto eles coma eu loitamos polo mesmo.
-«O que une un cacharro non o une o amor», dis nun tema.
-(Rise) É verdade. Cun par de copas igual lle contas máis cousas a un fulano que acabas de coñecer que a túa parella ou a un colega de toda a vida.
-«Teño a cona fervendo de tanta indignación», cantas noutro. Vaia, eufemismos, os xustos.
-O disco titúlase A malfalada por algo. Pero é que moitas veces para calar bocas e que te entendan hai que falar así, non quedarse no simple discurso. Os discos e as palabras teñen que ser directas.
-Pásache a ti como a o protagonista doutra canción, non tes intención de vivir a modo?
-Non, para nada. Sempre digo que a ver se morro pronto e vendo moito (rise). Eu son moi admiradora da literatura da xeración beat e encántame esa maneira que teñen de asumir as emocións e os sentimentos. A vida pasa moi a presa, hai que collela ao voo.
-É a túa unha xeración de mulleres «rebeldes e insubmisas»?
-Creo que si. Somos moitas e en todos os ámbitos pero aínda non se nos da a visualización que deberíamos de ter.
-Dedícaslle unha canción ás nais e ás avoas.
-Si, claro. Falamos moito do empoderamento actual pero é que foron as nosas nais e as nosas avoas as que deron pé a que isto sucedera, a que agora poidamos estar o 8-M todas xuntas loitando polo que elas non puideron loitar.
-Tamén lle dedicas un tema a una nena cativa.
-Esa canción saíume do máis fondo de min. Non sei se chegarei a ser nai ou non pero eses serían os dous únicos consellos que lle daría á unha posible filla miña.
-Cales son?
-Que estea orgullosa de ser muller e que sexa quen ela decida ser.