O Vilagarcía volve de Madrid con media permanencia atada

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

28 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Triplo desprazamento o que levou o trío de xogadores do Vilagarcía Tenis de Mesa a terras madrileñas a pasada fin de semana. Unha viaxe que lle saíu a conta ao conxunto arousán, con dous triunfos no peto cos que dá un paso de xigante cara a permanencia na División de Honra ao chegar aos 12 puntos, o dobre dos que conta o Cambados T.M., antepenúltimo abrindo a zona de descenso cun partido menos xogado, iso si.

Intenso foi o sábado para o Vilagarcía T.M., que arrincaba a súa longa fin de semana gozando cunha cómoda vitoria sobre o pechacancelas e único equipo sen puntuar inda na Liga, o C.D. Tenis de Mesa Rivas. O resultado final, 1-5, con Sergei Nigeruk e con Lawal Abiodum gañando os seus dous duelos, e o canteirán Pedro Castro facendo o propio co seu segundo emparellamento, ante Vicente Cogolludo. Todos os duelos dirimidos en tres xogos.

Pola tarde o Vilagarcía T.M. nada tivo que facer fronte ao colíder, o T.M. Parla-Drago TT, co que caeu 5-1, cedendo todos os puntos tras o triunfo de Nigeruk en cinco xogos no cruce de apertura con Miguel Ángel Pantoja. Na mañá do domingo a parella Abiodum-Nigeruk decantou o 3-4 a prol do Vilagarcía na visita o C.T.M. Móstoles nun durísimo dobres fronte ao dúo Vedriel-Cano.