Manuel Fernández, presidente de Xuncoga: «O sector lácteo camiña hoxe bastante ben»

Olimpio Pelayo Arca Camba
o. p. arca LALÍN / LA VOZ

AROUSA

miguel souto

Pensa que, modernizadas as granxas, toca impulsar un modelo de traballo con máis tempo de lecer

29 dic 2019 . Actualizado a las 16:48 h.

«Eu xa fixen na miña vida cousas bastantes, agora chegou o momento de ir deixando as cousas para outra xente que veña detrás». Son palabras de Manuel Fernández López (Castro, Lalín, 1954), presidente dende febreiro de 2018 de Xuncoga, cooperativa de segundo grao que aglutina a sete cooperativas de Deza e Tabeirós, suma 1.150 socios cun volume de produción de 163 millóns de quilos de leite ao ano, e unha produción mensual de 1,2 millóns de quilos de penso na súa fábrica de Lalín; unha entidade con sete traballadores que factura 4,7 millóns de euros ?nesa cifra non entra a facturación do leite, que fai cada unha das sete cooperativas que a integran?. Fernández preside ademais a Asociación de Defensa Sanitaria (ADS) Xundeva dende 2013, e suliña que logrou fusionar todas as ADS da comarca ata chegar aos 1.500 socios, con 46.000 cabezas de vacún en control sanitario, co traballo de sete veterinarias.

O agro e o gando son a vida de Manolo de Castro ?o topónimo da súa parroquia natal substitúe ao apelido?, pero non sempre foron a súa ocupación laboral. Con menos de 18 anos emigrou a Suíza, onde traballou de 1972 a 1989, primeiro na hostalaría e logo na imprenta dun xornal, encargándose da distribución dos exemplares ás distintas rutas: «Botaba en falta a familia e a terra. Non estabas na túa casa, botaba de menos as luces as 12 da noite, en Suíza ás nove e media estaba todo apagado. E a diversión, os amigos ...». Lucerna foi a súa academia de idiomas e vital, de onde regresou a Castro para incorporase á explotación gandeira dos seus pais e comprobar ao pouco que os camiños da parroquia eran demasiado estreitos: «En reunións días e días cos veciños conseguín anchealos practicamente todos». Tamén impulsou unha concentración privada de 200 hectáreas de monte cara o ano 2000, cunha vintena de propietarios «que hoxe está toda catastrada», suliña. E a constitución da cooperativa Gandeiros de Deza, que empezou con sete socios e hoxe se achega ao centenar, sendo representante na Cámara Agraria catro anos polo sindicato Unións Agrarias.

Fernández fixo medrar ademais a explotación de vacún familiar: das 15 cabezas que tiña en 1989 ás 80 da actualidade, aínda que o relevo xeracional deixará as vacas para optar por unha granxa de pavos e porcos. Está o sector lácteo en permanente crise? O presidente de Xuncoga non o cre así: «Nunca está arriba de todo nin tampouco no fondo de todo, salvo momentos puntuais. Cando tivemos a crise, o sector lácteo estivo aí, sempre, non perdeu postos de traballo e aguantou a situación. Ten axudas importantes da PAC. Podía estar mellor? Si podía estar un pouco mellor, pero camiña bastante ben. É un sector que depende doutros factores: das compras, do consumo e dun mercado que é xa mundial, competimos en Europa, todo depende da oferta e a demanda». Sinala que o prezo do leite está nos 32-33 céntimos. Suficiente?: «Para algunhas explotacións non. Pero non podes vender a 33 céntimos cuns custes de 34. O produtor que ten ese custe non é bo gandeiro, hai que baixar eses custes de produción. As explotacións que se pechan e se van non é por unha cuestión económica, senón da falta de relevo xeracional».

Explica que o sector lácteo «é moi suxeito ao campo. Modernizáronse moi ben as explotacións, ata ter case das mellores granxas de Europa, pero non melloramos á hora de ter fusións entre gandeiros para poder coller un fin de semana libre ou disfrutar dunhas vacacións». Cree que moitos xóvenes deixan o campo por esa carencia de tempo libre: «Os cereais despois de plantalos medran sós, pero cos animais hai que estar todos os días», por iso avoga por agrupacións de explotacións que permitan rotar días libres aos seus titulares.

Cando se lle pregunta polo xabaril, Fernández López non dubida: «Levamos moitos anos dándolle batalla a esta praga, pero por parte da administración pasouse un pouco do tema, pasando a pelota entre cazadores, Tecores e Xunta. Hoxe isto fóiselles das mans, xa hai moita cantidade de xabarís, a ver de que xeito se resolve. Antes era un problema de danos, hoxe é problema de especie. É un gran problema para o campo galego». Unha postura pouco compracente coa administración, que mantivo nos seus anos como concelleiro do rural do PP en Lalín, de 2007 ata o pasado maio. Cre que a caza do xabaril debe estar aberta todo o ano, incluíndo crías e nais, e darlles aos gandeiros a posibilidade de facer cantas agardas nocturnas precisen nas súas fincas.