Unha década do prodixio de Raúl Bouzas

O vilagarcián recorda o maior éxito da súa carreira, que pechou prematuramente por decisión propia, da que non se arrepinte


«Non era consciente ata que me chamaches». Un domingo de hai dez anos Raúl Bouzas Somoza (Vilagarcía de Arousa, 17/III/1989) tocaba a gloria pola que, nos di, chegou a vivir por e para o taekuondo. O 8 de novembro do 2009, no pavillón olívico das Travesas, o arousán convertíase no primeiro campión de Europa Sub-21 de peso lixeiro na historia do taekuondo; un fito que só outro español, o catalán Joel González, futuro campión olímpico en Londres 2012 e bronce en Río 2016, conseguíu no seu peso na estrea en Vigo da categoría Sub-21 no calendario internacional. Raúl non era consciente da efeméride ata a chamada de La Voz de Galicia, pero simplemente porque «na miña cabeza non pasaron 10 anos. Os recordos están moito máis recentes», conta dunha xornada de ouro que lembra «como se fora onte».

Tras superar o azerbaiano Elvin Mamadov 5-4 no primeiro dos seus cinco combates cara ao título, e logo de deixar polo camiño o bielorruso Andrei Hrabouski cun 10-7, e o serbio Aleksander Jankovic cun 9-1, Bouzas rememora a «tensión» da súa semifinal fronte ao alemán Jens Leewen: «Comecei perdendo 6-1. Pasara moi pouco tempo desde o combate de cuartos, e comezara algo descolocado. E ao final remontei, para acabar gañando no punto de ouro. Recordo gañar, irme directamente cara a grada, e ver unha cantidade de xente... ¡Como se estivera nun estadio con 20.000 persoas! Fora unha sensación de ¡guau! ¡Foi unha sensión espectacular!», que se prolongou no combate final.

O holandés Joel Remak foi o último atranco para Raúl Bouzas no camiño ao ouro: «Recordo que comecei perdendo 3-0 por unha patada na cabeza, e que empatei rápido con outra. Chegamos aos derradeiros segundos empatados a 5, e o holandés tentou unha acción de ataque ao costado. Eu entrei ao corpo a corpo, a buscar unha acción á cara, e conseguín o 8-5 a 25 segundos -a final rematou 8-6 por unha amonestación ao vilagarcián por rehusar o combate-».

Dez anos despois, a madurez persoal de Raúl Bouzas peneira a súa valoración daquel éxito, que o inmortalizou na cabeceira dunha das follas dos anais do taekuondo: «A medalla está na casa. Pero ao final o que queda é a emoción que sentiches, a experiencia, e a xente coa que a compartiches. A xente pensa que o taekuondo é un deporte individual; está moi equivocada. Ao final precisas xente ao teu arredor. Necesitas ao teu carón a familia, necesitas os amigos, necesitas os técnicos, necesitas os compañeiros de adestramento. Ao final a xente que tes arredor é a que te leva, non á vitoria, senón a rendir». E se «daquela -2009- non era consciente, agora sei que sen toda esa xente teríame sido imposible chegar onde cheguei».

Forxado a seis mans por Jesús Benito, no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, por Miguel Ángel Cuevas, no seu club, o Olimpic de Vilagarcía, e por Juan Luis Martínez no Natural Sport de Ribeira, Raúl Bouzas apuntaba a figura internacional. Iniciado no taekuondo con 4 anos, ouro con 15 no seu primeiro Campionato de España, cadete, ao que sumou outros tantos nos dous anos seguintes na categoría júnior, da que foi mundialista, o arousán superara o paso polo quirófano e oito meses de baixa pola rotura do ligamento cruzado anterior do seu xeonllo esquerdo no 2007. Cinco podios na Copa do Rei, incluído o título do 2011, e tres subcampionatos de España foron a ilusionante colleita de Bouzas tras despedirse da súa etapa de formación co título continental en Vigo. Bagaxe que lle valeu a chamada de Diogo Silva, representante brasileiro en menos de 68 quilos nos Xogos Olímpicos de Londres 2012, para servirlle de espárring no treito final da súa preparación para a gran cita británica. Pero todo foi insufuciente para continuar.

O papel da Federación Española

A comezos do 2014 a cabeza de Raúl dixo basta. «Foi un cúmulo de causas», volve contar cinco anos despois. A principal, que «daquela a Federación Española apostaba máis por unha xente que por outra» á hora de darlles oportunidades nas grandes citas internacionais, sinala o vilagarcián. O que veu despois semella a mera consecuencia: «Recordo que fora despois do parón do Nadal e dos exames na carreira. Comecei chegar tarde aos adestramentos. ¡Na miña vida me pasara iso! Faltábame motivación». E iso «non mo ía permitir. Non entra dentro da miña cabeza», sinala Bouzas á hora de referirse á súa retirada.

Vendo a carreira de Joel González, ¿arrepíntese da decisión?: «Non. Non, non. Non. Non. Tomei a decisión cando quixen, como quixen, e da maneira que quixen».

«Brillar está moi ben. Pero facer brillar é adictivo», di o hoxe adestrador

Tras a súa retirada, pouco antes de cumprir os 25 anos, Raúl Bouzas vivíu «un período de desconexión absoluta do taekuondo». Durante ano e medio desviou a súa enerxía a exercer de fisioterapeuta no primeiro equipo xuvenil do Pontevedra, e ocasionalmente no conxunto de Segunda División B. «Tentei facer unha vida diferente lonxe do taekuondo», explica. Pero a súa ligazón era demasiado forte: «En canto xurdíu a oportunidade de volver, non o dubidei».

Fala Raúl do seu retorno ao mundo do taekuondo. Pero non como deportista: «Comecei levando o equipo de combate do Olimpic, precadete, cadete e júnior, e pronto entrei de técnico de apoio na selección galega cadete. E a partir de aí xurdíu a oportunidade de traballar ademais no Natural Sport». Nas instalacións do club de Ribeira alterna a súa profesión de fisioterapeuta autónomo -é graduado pola Universidade de Vigo- coa función de membro do equipo técnico que encabeza Juan Luis Martínez no equipo de taekuondo de combate -de todas as categorías de idade- do club barbancés. Un equipo este último que este ano sumou tres campións de España, os júniores Alejandro Paz e Irene Montemuíño, e a cadete Noa Romero. Éxitos dos que o vilagarcián se sinte «súper orgulloso» pola parte correspondente que lle toca.

E é que Raúl Bouzas declara estar vivindo na súa relación co taekuondo «nunha etapa máis gratificante que na que competía. Agora mesmo estou máis enganchado ao taekuondo ca daquela, ¡que xa é difícil, porque cando competía case vivía para o taekuondo».

-¿E iso por que?

-¿Por que? ¡Guau! Brillar está moi ben. Pero facer brillar é adictivo. É unha pasada axudar a un neno a conseguir cousas que non cría que era quen de facer.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Unha década do prodixio de Raúl Bouzas