Do Día Mundial dos Nenos


Que paradoxo: novembro empeza en Defuntos e o día 20 conmemóranse a Declaración Universal dos Dereitos do Neno (1959) e a Convención dos Dereitos do Neno (1989). Se cadra non resulta un contrasentido porque a historia da infancia está chea de morte, terror, atrocidades e crueldades sen límite. O que admitimos como valor universal, recollido nesas resolucións da ONU, nin é nin foi sempre así. Hai pouco que existe protección dos nenos como persoas.

Na literatura todos evocamos as penurias do Lazarillo ou de Oliver Twist; na historia, entre outros, aos setenta mil nenos executados polo rei Nemrod ou os sacrificios de Cartago; e máis cerca, lembremos que entre 1775 e 1796 entraron no Hospital para Expósitos de Dublín dez mil meniños e quedaron vivos corenta e cinco. En moitas culturas consentiuse o infanticidio, institucionalizado mediante inmolacións rituais ou permitindo que os pais prescindiran desas vidas. Houbo normas ordenando que non se matase ou deixase morrer a un acabado de nacer se xa se alimentara. O dereito de propiedade aplicouse sobre os fillos: tantos pais consideraron, e consideran, que os descendentes son pertenzas de seu. Aínda hoxe denúnciase venda de nenos, casamentos forzados, explotación infantil, rapaces soldados, prostitución de menores ou acoso, andazo universal.

A protección legal fronte aos abusos dos nenos é extraordinariamente recente porque a primeira sentencia que condenou por malos tratos infantís ditouse no 1874 en Manhattan. O caso foi así: Mary Ellen Wilson naceu no 1864, o ano no que o pai morrera na Guerra de Secesión. Súa nai, moza e sen medios, deixou á nena ao coidado dunha veciña, quen terminou por abandonar á cativa nos servizos sociais. Alí déronlla en adopción ao matrimonio McCormack. O pai adoptivo finou ao pouco, a viúva casou con Francis Connolly e establecéronse no barrio de Hell´s Kitchen. O de hell non parece de balde. No 1874 unha nova veciña, Mary Smitt, comprobou que a meniña (lector, poderá ver fotos buscando o nome da nena na Internet) andaba sucia, descalza, sen roupa de abrigo, con cicatrices e mazaduras por todo o corpo e a chorar sen acougo. Contoullo a Etta Angell Wheeler, activista social. O día que esta entrou naquela casa infernal, Mary Ellen fregaba unha enorme tixola a carón dunha morea de pratos para lavar máis alta ca ela e, pendurado dun picaporte, ameazaba un vergallo de coiro. Etta Angell correu para pór denuncia. No xulgado e na policía, nin caso: a nena era propiedade de seus pais!. Etta topouse con Henry Bergh, persoeiro do que habería que falar, fundador da primeira Asociación para a Prevención da Crueldade sobre os Animais que conseguira unha lei para prohibir o maltrato dos animais. Con esa norma presentouse a querela, afirmando que Mary Ellen era tamén un animal. E así, a cega xustiza condenou os padrastos a prisión. Hoxe esa analoxía é innecesaria porque, desde aquela, avanzouse.

Pero queda moito camiño por andar. A ver se de agora en diante este paralelismo entre nenos e defuntos non se volve intuír en ningures.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
18 votos
Comentarios

Do Día Mundial dos Nenos