O BNG dá por finiquitada a opción do tripartito en Cambados

bea costa / pablo penedo CAMBADOS / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

A formación nacionalista acusa a PSOE e a Somos de carecer de vontade real de querer chegar a un acordo

02 oct 2019 . Actualizado a las 22:51 h.

«O BNG dá por rematadas as negociacións para a conformación dun goberno tripartito en Cambados, ao constatar o escaso afán do actual goberno para buscar unha saída consensuada». Así arrincaba a última hora da tarde deste mércores, 2 de outubro, a agrupación municipal nacionalista o comunicado de prensa de tres párrafos no que anunciaba o punto final a un mes de estériles negociacións co PSOE da alcaldesa Fátima Abal, e con Somos Cambados, as dúas patas do actual goberno local da vila do albariño, e socios do BNG de Víctor Caamaño no cuatripartito que xestionou o Concello o anterior mandato.

Tras fracasar o primeiro intento de acordo en xuño, co BNG apoiando a investidura de Fátima Abal, pero pospoñendo a sinatura dunha nova alianza de goberno a unhas xuntanzas con máis calma, finalmente fracasadas, «as negociacións», explica no comunicado o BNG, «retomáronse no mes de setembro a petición da Alcaldía. Porén, logo de realizarse varias reunións, non se percibe vontade negociadora real por parte das organizacións no goberno, quen non aceptan reformulación ningunha do seu acordo a dous, e continúan ofrecendo a mesma proposta fracasada en xuño». Unha rúa sen saída desde o momento en que o BNG esixíu sen éxito a xestión das obras asociadas aos departamentos municipais que quedasen baixo a súa xestión, os mesmos do mandato anterior; isto é, Deportes, Cultura, Educación, Medio Ambiente e Mar.

O comunicado nacionalista remata sinalando que «lamentamos comprobar o contaxio ao eido local da actitude de autosuficiencia da política estatal. O BNG continuará a realizar o seu labor dende a oposición, estudando a posibilidade de negociar acordos puntuais co goberno en base a eixos programáticos».