Dous terróns de azucre e dous de sal entre a armada arousá en Szeged

A satisfacción de Monteagudo e de Morison contrasta coa decepción de García e de Campos. As kayakistas loitarán por tentar coller o derradeiro voo a Tokio no 2020


vilagarcía / la voz

Máis aló do novo fito de Teresa Portela, a canguesa afincada no Grove desde que decidíu construír a súa familia co meco David Mascato, o Campionato do Mundo de Esprint de Szeged, Hungría, deixou as actuacións doutros catro padexeiros da banda sur da Ría de Arousa. E a valoración é diametralmente oposta se a quen lle preguntamos e aos dous deportistas do Breogán do Grove, Natalia García e Tono Campos, ou ben a Iago Monteagudo (Naval de Pontevedra) e Camila Morison (Náutico Pontecesures).

«Sabiamos que ía ser complicado. Pero a verdade é que non foi o que esperabamos, e non só polo posto». Natalia desembarcou a semana pasada nun dos templos do piragüismo mundial, Szeged, coa ilusión de ser copartícipe da clasificación do K4 500 feminino para uns Xogos Olímpicos despois de moito tempo. Tras gañar unha praza no barco co seu bo facer no selectivo de abril, sumándose á asturiana Sara Ouzande, á vasca Begoña Lazcano e á ceutí Isabel Contreras en detrimento da mallorquina Alicia Heredia, titular xunto coas tres anteriores do K4 500 hispano no 2017 e 2018, a meca sinala que na semifinal «tiveramos unhas sensacións moi boas» pese ao quinto posto que as deixou fóra da regata polo podio. Pero na final B do domingo, coa posibilidade de conseguir praza para España en Tokio gañando a proba, «non fixemos a regata que tiñamos que facer», rematando nun decepcionante sexto posto, a 3,73 segundos do cuarteto vencedor chinés. «Quedounos un pouco de mal sabor de boca, por non facer unha estratexia boa, ou ter saído mellor», declara García.

Eliminado o K4 da combinación, a meca quere desconectar unha semanas do piragüismo, e comezar a centrarse nas súas oposicións a Policía Nacional no último trimestre deste ano antes de volver a pensar na carreira olímpica. Con todo, adianta a súa intención de seguir paleando no 2020, co K1 ou o K2 500 como posibles opcións para pelexar por coller o derradeiro tren a Tokio na cita continental ou no Preolímpico que repartirán o par de prazas por barco libres daquela.

Nada satisfeito rematou tampouco Tono Campos da súa participación no C1 5.000, que completou o domingo noveno. Na súa páxina en Facebook comentou: «Toca hacer autocrítica, una mala salida ha complicado el primer largo de carrera, quedando atrás en olas rivales. No hay excusas, felicitar a los ganadores y nosotros a seguir trabajando duro de cara al objetivo principal de la temporada, el Campeonato del Mundo de Maratón en China en octubre».

Á súa terceira praza na final B do K1 500 do Europeo Sub-23, a cesureña Morison sumoulle en Hungría o quinto posto na final A, directa e con só sete barcos, do K2 1.000 xunto á valenciana Bárbara Pardo. «Esta temporada acabo bastante contenta. En comparación con la temporada pasada, bastante mejor», declaraba onte Morison, entregada xa ás súas vacacións antes de iniciar o seu cuarto curso co equipo nacional de kayak feminino Sub-23 en Sevilla. No 2020, di, tentará subir ao K1 ou ao K2 500 español que apure o xa estreito camiño a Tokio.

Iago Monteagudo, pola súa banda, declarábase onte «moi contento» tras completar a súa primeira participación nun Mundial Absoluto co séptimo posto no K4 1.000, e logo de ter accedido á final A pola vía exprés, co barco terceiro da súa eliminatoria pese a tan só dúas semanas de acoplamento.

Ademais do resultado, Monteagudo, de 22 anos, quedou cunha experiencia única: «Hungría é un país no que o piragüismo é un deporte importante. Na canle había unhas 30.000 persoas animando. Palear con toda esa xente foi espectacular». O de Meis quitouse o mal sabor de boca do terceiro posto na final B do K4 500 dun Mundial Sub23 no que tamén foi segundo da final B do K1 1.000 tras tocarlle na semifinal os homes que remataron prata, bronce e cuarto.

«A Teri le deberían dar la plaza»

Natalia e Camila comparten a ambición por ocupar un posto nos Xogos, se é nos de Tokio 2020, mellor ca nos de París 2024. Preguntámoslles que opinan respecto á decisión da Federación Española de Piragüismo de, ao contrario ca no 2015, facer que Teresa Portela deba medirse nun selectivo a vindeira primavera a calquera outra padexeira española que ansíe a praza olímpica que conquistaba o pasado sábado para España co seu bronce mundial. Natalia, compañeira de adestramentos de Teri, di que polos seus méritos, «merécese estar un ano tranquila para preparar os Xogos». Camila é da mesma opinión: «En este momento no hay en España nadie a la altura de Teri, y después de lo que hizo en el Mundial, le deberían dar la plaza».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Dous terróns de azucre e dous de sal entre a armada arousá en Szeged