Navegante entre campos de auga e de terra

Cofundador dúas veces do club de piragüismo do seu pobo, colaborou tamén na infancia do fútbol


vilagarcía / La Voz

Ano 1967. Interior da comarca do Salnés. Un grupo de mozos que despedían a adolescencia acababan co monólogo do fútbol en Ribadumia poñendo a mover as pas do Club O Muíño. Entre os pioneiros, un José Manuel Vázquez Núñez que non tardaría en compaxinar o piragüismo co balompédico C.D. Ribadumia en calidade de mozo-home para todo, antes dunha longa retirada do mundo do deporte en 1980; para participar en 1995, outra vez en calidade de cofundador, na construción dunha nova casa do piragüismo local, o Club Náutico O Muíño. O vindeiro domingo será un dos espectadores das vodas de prata da Baixada do Umia, a proba coa que naceu a entidade que preside desde hai 15 anos.

Vázquez Núñez e os seus colegas adoitaban acudir ás augas do río Umia a pasar as tardes do verán. A canoa feita por un dos seus irmáns e un amigo púxolles os dentes longos. No caso de José Manuel e doutro colega, coa imaxe en movemento dos deportistas do Naval de Pontevedra navegando polo Lérez nas retinas de dous mozos estudantes na capital provincial. «Entrounos o gusanillo por competir», conta Vázquez.

Asesoráronse entón na Federación Galega de Piragüismo e no Naval. E cos seus aforros, e con axuda de seus pais, os fundadores do Club O Muíño mercaron en Marín un K-1 e K-2 para comezar. «As piraguas daquela eran tanques», conta José Manuel. «Un K2 pesaba 20 quilos e un K1 pouco menos -hoxe anda nos 12 en pista-. As pas tiñan mango de eucalipto, e algo de poliéster nas puntas». E como sede, o antiguo muíño de Cabanelas, cedido polos seus propietarios.

Comezaron competir no 68, nunha baixada polo Lérez, e ese ano varios do club gañaron ir ao Campionato de España, «pero non fomos porque houbo un tejemaneje» no que José Manuel prefire non entrar. Era unha época na que entre os padexeiros «todos eramos inimigos. Como quedaras ben nunha proba, á seguinte pechábante entre dous doutro club. E coas pas había que ter conta da cabeza», rememora entre risas. Ao fin e ao cabo, «pasábase ben».

Eran tempos nos que «había que sortear quen ía ás probas, por falta de piraguas». Tempos tamén «de ir a unha regata, haber unha festa polo camiño, e cando chegabas a regata xa acabara». Cousas que cambiaron de vez, e outras que non, cos padexeiros galegos contando entre os seus a medallistas olímpicos. «Acórdome nas regatas de Misioné, pola corpulencia; nós ao seu carón eramos ananos. Pedro Cuesta, pola contra, era miúdo coma nós».

Desavinzas entre os fundadores levaron a Vázquez a abandonar o barco un par de anos antes de que O Muíño naufragara tras só unha década. Antes, desde 1970, e ata 1980, tomou parte activa nun C.D. Ribadumia fundado en 1959. Como futbolista, na Liga das Rías Baixas, «xoguei en todos os postos; era o comodín». Ata o punto de non tardar en compaxinar o campo, e o piragüismo, coa dirección do equipo xuvenil e a secretaría do club. En realidade, «facía de todo, de utilleiro, de varrendeiro, marcando o campo, amañando botas con agulla e con martelo...». Coma un tesouro garda unha visita ao campo da vella escola da Renfe en Vilagarcía cos xuvenís para medirse ao equipo dos fillos dos ferroviarios. «No medio do partido, os meus xogadores desapareceran, todos agás o porteiro. Atopeinos na verxa mirando como pasaba o tren ao carón. Deixaran o partido prantado para ver o tren. E marcáronnos».

Resposta á chamada de Louzán

A vida familiar retirou a Vázquez do deporte, ata que en 1995 o seu pariente Rafael Louzán, futuro presidente da Deputación de Pontevedra e hoxe mandatario da Real Federación Galega de Fútbol, o enrolou na recuperación do piragüismo en Ribadumia.

Pouco volveu pisar a auga José Manuel, concentrado en tarefas de arquitecto e promotor dun novo club que soportara a erosión do paso do tempo. Cun crecemento deportivo a grandes zancadas desde aquela decena de fillos dos cofundadores cos que naceu o Náutico O Muíño e a primeira medalla, de José Manuel Vázquez júnior, acelerado nunha última década na que ao ouro en Pekín 2008 da fichaxe estrela do Muíño, Perucho, se lles foron sumando unha ducia longa de medallas de canteiráns en grandes citas internacionais, con María Pérez e con Manuel Fontán como grandes esperanzas de gloria olímpica a medio prazo. E á par, como palanca deste crecemento, a transformación do vello refuxio de pescadores a carón do muíño nas modernas instalacións das que desde hai once anos gozan o club e os seus máis dun cento de padexeiros. Un edificio que Vázquez deu sacado adiante con moita «ilusión», «orgulloso» de, tras moitos silencios, e logo de bater e de bater nas portas das institucións públicas, darlle un lugar «aos rapaces onde poidan dedicarse a este deporte» mentres segue botando un cabo co seu fillo xa ao timón como director técnico desde hai dez anos.

Persoal

José Manuel Vázquez Núñez naceu en Ribadumia o 11 do XI de 1950. Traballou como camioneiro, para continuar a súa vida laboral como conductor de máquinas e operario de mantemento de campos de fútbol de herba natural da Deputación de Pontevedra.

Traxectoria En 1967 formou parte do grupo de media ducia de mozos fundadores do Club O Muíño, que compaxinaban a competición co labor de directivos. Como futbolista, secretario e ata adestrador foi tamén do C.D. Ribadumia durante a década dos 70, a mitad dela repartindo o seu tempo entre ambos os dous clubs. Tras afastarse do deporte en 1980, en 1995 participou na fundación do Club Náutico O Muíño, do que leva sendo presidente os últimos quince anos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Navegante entre campos de auga e de terra