«O comunismo é imprescindible»

Carlos Punzón
carlos punzón VIGO / LA VOZ

AROUSA

Oscar Vázquez

Eva Solla: «Hai deputados da Mesa do Parlamento que me da que usan o coche oficial para cousas do seu partido»

05 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Se houbese que identificala cun territorio distinto a Galicia, a Eva Solla Fernández (Vigo, 1984) poderíaselle asignar a Illa Reunión. Non polas raíces revolucionarias do nome do arquipélago das Mascareñas, que tamén podería ser,

senón porque o seu estado natural semella ser exactamente o de reunión e asemblea en sesión continua. «Prefiro non contar as horas que dedico a reunións e asembleas, porque chegaría á conclusión de que non é moi positivo para a miña vida persoal», pensa. Pero se as forzas políticas de esquerdas adoitan de serie a abonarse ao asemblearismo e á revisión de posicións, Eva Solla ten todas as papeletas para vivir instalada no debate: secretaria xeral do Partido Comunista de Galicia (primeira muller da historia da organización nese posto); coordinadora nacional de Esquerda Unida; parlamentaria de En Marea; vicepresidenta segunda da Mesa do Parlamento de Galicia; vocal da comisión de Sanidade e Política Social da cámara galega, e militante de Comisións Obreiras. E o tempo que lle sobra entre reunións e ir e vir pola AP-9 o dedica a preparar oposicións para ter praza fixa de enfermeira. «Cando remate a miña carreira política me encontrarei que non teño traballo, e neste tempo tampouco puiden seguir sumando puntos con contratos de substitución», encóllese de ombreiros asumindo os efectos colaterais da política.

«Coas listas de contratación do Sergas o contrato máis longo que tiven foi de 15 días», describe para lamentar a precariedade dos profesionais da enfermaría que non tiveron nos últimos anos a oportunidade de opositar a unha praza e tiveron que ir tirando con contratos de hoxe para mañá.

O hospital do Meixoeiro foi o seu último destino antes de entrar de cheo na política institucional. «Claro que teño visto morrer xente, moita xente, pero é un feito natural. O importante e ter unha morte boa e os familiares tamén unha boa atención», considera. O primeiro día en acción foi na unidade de reanimación. «¡Buff!, resolla como resumo vital daquela experiencia iniciática na súa vocación profesional. «O pasei mal, si».

Julio Anguita, un imán

O califa vermello, Julio Anguita, foi o perfil que a motivou para achegarse ata a sede do PCG a afiliarse, e o desastre do Prestige a empurrón para mobilizarse. «Sempre houbo un intento de demonización do comunismo. Pero mentres haxa capitalismo existirá o comunismo. O comunismo é imprescindible», considera Solla, que admite que non cre que el modelo cubano ou o venezolano sexan exportables a España. «Cada país ten as súas propias circunstancias e os modelos non son repetibles», terza sen renegar dos sistemas que rexen en Cuba ou Venezuela. «Non hai sistema perfecto», concede, pero para engadir tamén que «o capitalismo emprega as súas ferramentas, sobre todo a cultura, para presentar aos comunistas sempre como os malos das películas».

Viviu o derrube de AGE no Parlamento, está a vivir a autovoadura de En Marea tamén na cámara autonómica. Asegura non saber como vai a acabar a segunda experencia de confluencia da esquerda e o nacionalismo en Galicia, pero recoñece que neste momento «as veces é moi difícil tomar decisións, pero danos máis forza e capacidade o que nos une que o que pesa esa complexidade».

Mantén en todo caso que AGE mudou «para sempre» o panorama político en España e daquel tronco saca a Podemos e as mareas municipais. «O bipartidismo morreu. E pese as tensións é moi positiva a confluencia de dúas tradicións políticas que sempre se miraron de esguello», di sobre a esquerda estatal e o nacionalismo galego.

A atalaia da Mesa do Parlamento dálle outra perspectiva da actividade política na cámara. «Non todos os parlamentarios atenden», di como unha mestra que observa desde o estrado aos alumnos mentres fan un exame. «Fago mentalmente o meu estudo de comunicación política», sinala como unha das posibilidades que da o posto desde o órgano de goberno da cámara. Cobra máis que o resto dos parlamentarios por ese posto. «Tamén temos un traballo engadido a nosa actividade política por xestionar o Parlamento», di, non sen esquecer que un terzo do seu salario o entrega a Esquerda Unida. Os membros da Mesa para ela non son nin a jet do Parlamento, nin uns privilexiados, pero denuncia: «hai deputados da Mesa que me da que usan o coche oficial para cousas dos seus partidos». Ela renunciou ao vehículo.

Desde a mesma atalaia da vicepresidencia na que observa aos demais deputados do Parlamento galego non ten reparo en aseverar que Feijoo «comunica ben, aínda que non comparto o que di. Leiceaga é solvente no discurso, e Ana Pontón logrou traballar un estilo propio». ¿E que sucede con Villares? «Sempre é complexo para un neófito. Xa non hai ningún portavoz impetuoso».