Do 0,7 das sociedades

AROUSA

MARTINA MISER

As empresas poderán destinar parte dos seus tributos a fins sociais

14 abr 2019 . Actualizado a las 20:21 h.

Estamos no tempo de aboar impostos. Velaí veñen a formalización da Renda e do Imposto de Sociedades. Este último ten, este ano, unha novidade que non se está a divulgar. No 1979 firmouse o Acordo entre o Estado español e Santa Sede sobre Asuntos Económicos. Nel quedou plasmado que o contribuínte polo IRPF podería asignar á Igrexa Católica unha porcentaxe do seu pago. No 1988 estableceuse para a Igrexa ou para outros fins sociais o 0,52 % da cota, subíndose con posterioridade ao actual 0,7 %. Entre os fins de interese social sinaláronse programas desenvolvidos pola Cruz Vermella e outras ONG con cooperación e voluntariado a favor de anciáns, discapacitados, parados, , cooperación internacional en países subdesenvolvidos e, desde 2007, accións relacionadas coa defensa do medio ambiente. Neste ano naceu o recoñecemento legal das Entidades do Terceiro Sector colaboradoras coas Administracións Públicas, que teñen que reunir os requisitos de seren de carácter privado, inscritas, sen fin de lucro e que leven a cabo actividades de interese xeral. Convertéronse en auxiliares da Administración e colaboradores na aplicación de programas de axuda social e medioambiental, destinatarias dese 0,7. A elas e á Igrexa Católica, ou ás dúas, a elección do contribuínte, foi destinado o recadado por esta vía, que no ano 2018 chegou aos 334.000 de euros. Este modelo crebou por un recurso presentado pola Generalitat de Catalunya diante do Tribunal Constitucional, que lle dou a razón ao goberno catalán e estimou que o Estado tiña que distribuír estes ingresos entre as comunidades autónomas con competencias en asistencia social e o propio Estado. Naceu así o chamado sistema de dobre tramo: un 80% para as comunidades autónomas e un 20% para o Estado central. Nesa situación, as grandes ONG quedaron sen recursos e os programas de seu, sen financiación pública para proxectos estatais. E aquí xurde a novidade que empezará a aplicarse este vindeiro xuño: As empresas que pagan o Imposto de Sociedades poden destinar desde este exercicio o 0.7% da súa cota tributaria a eses fins de interese social en todo o Estado. Distribuirase o 77 % para materias do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, o 19 % para as do Ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperación e o 3 % para competencias do Ministerio de Agricultura e Pesca. As entidades do Terceiro Sector estatais poden chegar a recibir algo máis de douscentos millóns de euros, dependendo do número de sociedades que se manifesten nese sentido de destinar o seu 0,7 a obxectivos sociais e medioambientais. Sumados aos cartos que se recadan por IRPF poderán alcanzar os cincocentos millóns. Esta nova posibilidade non se está a dar a coñecer o suficiente, de xeito que pode resultar ata inadvertida. É necesario divulgala por ser un xeito de que o contribuínte se responsabilice das cuestións sociais e participe na súa xestión.