O novato que soña descender ao ceo

AROUSA

MONICA IRAGO

Tras un glorioso último ano júnior, o vilanovés Víctor Mariño Ferreira debuta na categoría elite do BTT Descenso proxectándose no podio nacional en 2 ou 3 anos

28 mar 2019 . Actualizado a las 16:41 h.

Víctor Mariño Ferreira (Vilanova de Arousa, 23/V/2000) asume a súa condición de novato. E iso é algo que non está ao alcance das cabezas de tantos mozos de 18 anos que, coma el, veñan de gozar do brillo dun recente palmarés de moitos quilates. O biker do X-Bikes de Marín é consciente de que o seu derradeiro ano júnior no mundo do BTT Descenso, unha das modalidades máis espectaculares do ciclismo de montaña, é un bo punto de partida no seu desembarco na categoría elite, pero nin moito menos garantía de nada. Cuberta a súa curta etapa en categorías de formación, encara o seu paso a sénior con humildade, pero con idéntica ambición. Proxectando a súa figura no podio do Campionato de España da especialidade en 2 ou en 3 anos, e soñando unha longa carreira no circuíto dunha Copa do Mundo que tivo a ocasión de catar o ano pasado, e que o enganchou.

Na súa cuarta tempada federado, Víctor despediuse o ano pasado como júnior revalidando o título galego, ao que sumou a condición de subcampión de España e o oitavo posto no Europeo da categoría en Lousá Portugal, «a 3 ou 4 segundos do podio», lembraba onte, ademais de gañar o dereito a disputar tres probas da Copa do Mundo en Austria, en Italia e en Andorra. Un salto de calidade que recompensou a súa aposta persoal: «O ano pasado decidín poñerme máis en serio, adestrándome todos os días».

Foi esta a resulta da rápida evolución dun deportista practicamente autodidacta. «Comecei a practicar descenso cuns amigos polos montes Lobeira e Xiabre, nos que sigo adestrando hoxe». Pronto, conta o vilanovés, «vin que se me daba ben. Comecei mercándolle unha bici normal de segunda man a un amigo. Logo comprei unha bici específica de descenso, e gustoume inda máis». E xunto cuns colegas, federouse no C. C. Compostelano para coñecer a sensación de participar en probas de competición. Unha vez descuberta, non o quixo deixar: «Sempre me gustou a bicicleta. Por que o descenso? Pola adrenalina» que xera avanzar por fortes pendentes a altas velocidades entre atrancos naturais, pero tamén engadidos, combinando o pedaleo, os xiros e os saltos técnicos. Por iso, e porque, explica Víctor, «son unha persoa moi competitiva, e gústame que todo dependa de min; un un contra un».

O cambio de club, determinante

Subcampión galego e quinto no Campionato de España Cadete, Mariño viu que o Compostelano non lle proporcionaba soporte ningún co que poder progresar. «Coñecía o mecánico do X-Bikes, e cambiei de club. E agora todo son beneficios. Conto con soporte loxístico e mecánico nas carreiras», di, e iso permitiulle dar o seu primeiro gran salto competitivo.

Pero nin a axuda mecánica o salvou dun mal debut como elite dúas semanas atrás na primeira proba da Taça de Portugal de BTT Descenso, en Porto de Mos, con reparto de puntos UCI -para acudir ás carreira das Copas do Mundo esíxense un mínimo de 40-. A pasada fin de semana, na segunda en Lousa, rematou 27.º. duns 200, cunha participación de primeiro nivel; subliña, incluído o campión mundial galo Amauri Pierron, e o bicampión británico da Copa do Mundo Danny Hart.

Os plans de Mariño pasan por cubrir a Taça de Portugal, e participar no maior número de probas en España que lle dean puntos UCI para poder entrar no circuíto elite da Copa do Mundo na que sabe «vai ser unha tempada de proba, de transición». Pero con afouteza, sen complexo para acudir, se o regulamento llo permite, ao Europeo Elite en poucas semanas.