Calzar uns tenis para encher unha biblioteca en Angola

AROUSA

MARTINA MISER

A quinta Carreira Solidaria Ladesol busca reunir 2.500 euros para dotar o espazo de cultura construído coa recadación do 2018

01 mar 2019 . Actualizado a las 21:15 h.

O Colexio San Francisco de Vilagarcía de Arousa e a Fundación Lazos de Solidaridad presentaban onte a quinta edición da Carreira Solidaria Ladesol. Unha proba que, un ano máis, pretende tirar do deporte como vehículo para canalizar o espírito de colaboración humana da capital arousá e da súa comarca cara a milleiros de quilómetros ao sur. Concretamente á comuna de Gangula, a máis extensa do municipio angoleño de Sumbe. Aló se destinará a totalidade da recadación obtida das inscricións na proba deportiva programada para o domingo 24 de marzo -10 a 12.35 horas-. Para a adquisición de libros e de material para a pequena biblioteca construída pola Fundación Lazos de Solidaridad co diñeiro reunido entre os participantes da cuarta edición da Carreira Solidaria Ladesol na súa anterior edición, a do 2018.

Desde a organización da proba lembran que os habitantes da comuna en cuestión, agricultores e gandeiros, contan con moi escasas, cando non inexistentes infraestruturas de educación, de saúde, de obras públicas e de calquera tipo de abastecemento de servizos básicos.

A nai Socorro Feijoó falou onte en nome da Fundación Ladesol na presentación da carreira do 24 de marzo salientando que «Vilagarcía é un pobo solidario», ao tempo que explicou que «o ano pasado o proxecto era a construción dunha biblioteca. Pero queda o máis importante, o contido. Na formación e na cultura medran os pobos. O que non queremos é que a xente -de Gangula- teña que saír da súa comuna para facer un gran pobo; poñendo nós un gran de area». Na mesma idea abundou a xefa de estudos do Colexio San Francisco de Vilagarcía, María José Méndez, ao tempo que enmarcou a carreira na pretensión do centro escolar de «transformar el mundo dándoles a nuestros alumnos valores como la igualdad o la justicia».

Padriños, e inscrición

Nun acto que contou coa madriña, Esther Pedrosa, e co padriño, o local José Vázquez, da proba, coa deputada provincial de Deportes, Chelo Besada, e co alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela; Jacob Ventoso, responsable técnico da Carreira Solidaria Ladesol, informou dos pormenores da faceta deportiva da cita. Ao respecto, haberá once categorías de idades, desde a pensada para os máis cativos, a pitufos, para os nados no 2014 e no 2015, ata os maiores, a de veterán B, a partir dos 59 anos, con percorridos entre os 100 e os 1.730 metros para as categorías de menores de idade, e de 10.000 para o resto nun trazado polo casco urbán de Vilagarcía. O custe é de 3 euros a inscrición no caso dos primeiros, e de 6 para os adultos. Tamén haberá unha andaina, sen límite de idade. En todos os casos, por razóns do seguro deportivo, será preciso inscribirse con antelación, a través da web da Federación Galega de Atletismo, na portería do colexio, ou os sábados 9 e 16 de marzo na carpa que a organización montará na Praza de Galicia de 10 a 14 horas. A data límite de inscrición, o 18 de marzo no centro escolar, e dous días despois pola vía online.