María de la O Fernández: «Deseñaremos un programa viable, non un que so quede bonito no papel»

Nun par de meses pasou de non estar nas quinielas a encabezar a lista. Di que o traballo do seu equipo será clave


vilagarcía / la voz

María de la O Fernández (Cornazo, 17-10-1980) ven de saltar á primeira liña política como candidata de Marea da Vila ás vindeiras eleccións municipais. Mestra en Rubiáns, está aterrando no seu novo escenario,.

-¿Pensáchelo moito? Porque a vida cambia.

-Si que custou porque a responsabilidade é grande. E cambioume a vida. Pasei de ser unha persoa anónima a aparecer case que todos os días nos medios de comunicación. Igual non o pensei ben de todo {risas]

-¿Falaches con alguén ou foi unha decisión totalmente persoal?

-Falei co meu equipo. Non metín á miña familia. Foi unha decisión difícil e agardo que correcta.

-O equipo diríache que perfecto, pero a familia e os amigos, ¿como o tomaron?

-Encaixárono ben. É certo que a miña situación familiar é complexa porque os meus pais non viven aquí e a miña parella tampouco. Estou soa, con dúas nenas e ca axuda dos avós paternos. Xa tiña un peso de traballo grande porque estou soa, e agora venme enriba isto. Polo de agora, lévoo ben, Intento que afecte o menos posible á miña vida diaria. Haberá que organizar horarios para que a vida das miñas nenas siga igual, que se modifique o mínimo.

-¿Chamáronte Alberto Varela, Alfonso Gallego ou Lucía Cesar?

-Non.

-O certo é que foi unha situación inesperada, porque hai tres meses o escenario semellaba que sería outro...

-Foi todo moi rápido. Eu non tiña pensado presentarme ás primarias si todo quedara como estaba, pero as cousas fóronse dando así. Nin despois da ruptura tiña pensado presentarme, pero as circunstancias dentro do espazo fixeron que ó final dera o paso.

-Veñen dous procesos electorais seguidos. ¿Como ides facer?

-Teremos que ver como se encaixa. Aínda non sabemos nada dende arriba, pero claro que teremos que facer a nosa parte.

-Ti estás no organigrama de Podemos Galicia...

-Si. Eu son a presidenta da comisión de garantías de Podemos Galicia.

-¿Cal oi a reacción de Podemos Galicia despois do que pasou en Vilagarcía, ca marcha de Esquerda Unida do espazo?

-Realmente no que atinxe a Marea da Vila, estamos construíndo no local. Non temos directrices de ningún tipo.

-Pero si que é verdade que están habendo visitas de deputados de Podemos nesta precampaña

-É certo que hai unha afinidade, pero veñen como deputados, non tanto representando a Podemos.

-¿Como lle explicamos á xente a ruptura? ¿Como se lle explica que a esquerda non parece ser quen de confluír nunha única agrupación ?

-Está claro que o tempo das maiorías absolutas rematou e temos que ter claro que é importante dialogar para traballar todos polo mesmo obxectivo. Penso que quedou claro que non foron os tempos os que causaron a ruptura, foron os xeitos de traballar. Non puidemos traballar xuntos neste proxecto, pero si probablemente poderemos facelo despois.

-Nun escenario de posibles pactos, ¿como tedes pensado manexarvos?.

-Aínda non puxemos enriba da mesa esas cuestións. Hai que agardar ós resultados.

-¿Cales serán as liñas mestras do programa?

-Hai que fomentar o emprego de calidade. En Vilagarcía o sector servizos, por exemplo, está bastante precarizado. Queremos fomentar a economía social a través do corporativismo. É certo que non será doado pero queremos intentalo. Queremos darlle un pulo ó comercio local e de proximidade, coa praza de abastos como quilómetro cero. Queremos enfocar o programa con diferentes liñas, pero con unha ou dúas transversais, que serían o feminismo e a participación cidadá. Neste caso queremos que o proxecto sexa participativo dende o principio. Un programa viable e non que so quede bonito no papel.

-¿E como argallarán iso?

-Probablemente a través de web. Alí faremos algún tipo de iniciativa para fomentar a participación.

-Falemos de femininismo. Dúas mulleres na cabeza da lista non é nada habitual.

-Non é algo moi normal. A participación da muller na política é escasa, pero tampouco hai espazos nos que a muller se sinta cómoda. No noso proxecto si que hai moita participación de mulleres, porque cremos espazos cómodos e que invitan a traballar. O nos proxecto é coral e en equipo. É certo que temos que establecer unha lista, pero traballaremos todos aínda que sexan uns poucos os que teñan que dar a cara.

-O traballo en equipo está moi ben, pero ¿poden aparecer disensións en forma de celos polo protagonismo público dalgúns e doutros non?

-Claro que poden aparecer, pero penso que non sucederá, porque a estas alturas xa estaría a pasar. Houbo unha única candidatura ás primarias cando todo o mundo podería ter participado.

-Fálase moito de que ides prestar especial atención á xente nova para convencelos de que vaian votar.

-É certo. Para configurar a lista quixemos que houbera representación de todos os sectores e de todas as parroquias, pero é certo que queremos que a mocidade teña un peso importante. Hai moito activismo na mocidade de Vilagarcía e queremos que iso se vexa nas furnas.

-¿Como ides organizar a campaña? ¿Vai ter a cabeza de cartel o principal protagonismo ou vai estar repartido?

-Vai estar repartido. Sempre en equipo.

-¿Que sería o inmediato que faría se fora elixida alcaldesa?

-Téñeno que dicir os veciños de Vilagarcía. Eles serán os que marquen tanto o programa como as pautas a seguir. O proxecto será participativo, non queremos que o papel dos vilagarciáns se limite a votar cada catro anos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos
Comentarios

María de la O Fernández: «Deseñaremos un programa viable, non un que so quede bonito no papel»