Cambados queimará ao VAR no seu Entroido

AROUSA

MARTINA MISER

O Concello presentou onte o programa de actos cos que se pretende encher a vila de humor entre o 1 e o 6 de marzo

12 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Co Entroido aí ao lado, as tendas de teas e os establecementos chineses están que non paran. Pola banda sur da ría, a festa de Don Carnal ten moito predicamento. Por iso, os concellos preparan o programa coa mesma devoción coa que se deseña o de Nadal. Víctor Caamaño, o concelleiro de Cultura de Cambados, presentou onte os actos que se van desenvolver nesta vila do 1 ao 6 de marzo.

A primeira parada terá por escenario a praza Alfredo Brañas. O día 1 (venres) celebrarase a versión local de «Tu cara me suena». Así que quen guste das máscaras, dos parecidos razoables e da música, ten unha cita a que non debe faltar.

O sábado 2, no parque de Torrado, terá lugar a unha festa infantil na que non faltará detalle. A empresa Nordelaina encargarase de que así sexa. E ao día seguinte celebrarase un dos clásicos da festa cambadesa: o desfile de carrozas. Partirán estas de San Tomé, ás cinco da tarde. Pero desta volta o seu destino será Fefiñáns, onde o Concello confía en que haxa festa para rato.

Remata a fin de semana, pero o Entroido continúa. O luns, as cinco, baile infantil en José Peña. E, ás cinco e mediodía, no mesmo lugar, o imprescindible e saboroso concurso de filloas. O martes celebrarase o gran concurso de disfraces xuvenís e adultos, acompañado do concurso de comparsas. E a festa morrerá o mércores 6, as sete da tarde, co enterro da sardiña, oficiado por Isabel Risco. Desta volta, en Cambados queiman ao VAR.