Protección de datos naceu no Salnés

AROUSA

23 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Entrou en vigor a nova Lei Orgánica de Protección de Datos Persoais e Garantía dos Dereitos Dixitais. Esta materia non é unha disciplina clásica e vén motivada pola necesaria defensa do cidadán fronte ao asfixiante poder derivado da revolución informática. Esta nova lei vai referida tamén ao ámbito laboral, na procura de solucións ao que se denominan controis patronais: ata onde pode vixiar o empresario aos operarios?. Neste eido hai un fito xurídico acadado desde a nosa comarca, radicalmente pioneiro na defensa dos traballadores. No 1995 Casino La Toja S.A. decidiu perfeccionar o sistema de vixilancia e completou o circuíto pechado de televisión con cámaras e micrófonos para gravar as dependencias da caixa e da ruleta francesa. O Comité de Empresa, presidido por Santiago Aldazábal Gómez, iniciou un procedemento xudicial opoñéndose a esa instalación por considerar que violaba o dereito á intimidade dos traballadores e pediu a retirada daqueles dispositivos. O Xulgado do Social 3 atendeu a petición do Comité de Empresa, pero o TSXG declarou que o emprazamento de micrófonos e cámaras non vulneraba dereitos dos traballadores, afirmando que as conversas entre traballadores e clientes non estaban amparadas polo dereito á intimidade. O Comité de Empresa non se rendeu e persistiu na batalla reclamando amparo no Constitucional. Pagou a pena a porfía xa que doulle a razón e sentou doutrina que estes días recolle esta novísima Lei Orgánica: non se pode limitar a intimidade dun xeito indiscriminado. Clara era a prohibición de instalar micrófonos e cámaras en ámbitos onde non se realizasen actividades profesionais; e, nos lugares onde se traballa, as facultades organizativas da empresa teñen o límite infranqueable dos dereitos fundamentais dos traballadores. A colocación de cámaras e micrófonos podería ser vantaxoso para a empresa, pero a gravación indiscriminada de conversas dos traballadores entre eles e cos clientes viola a intimidade e non é proporcional para os fins previstos. Case un cuarto de século despois, esta nova lei implanta eses principios. Detrás estiveron a loita e a resistencia duns traballadores da comarca.