«Ata imos saír nas comparsas do Entroido coma perdamos o domingo»

AROUSA

MARTINA MISER

Dous homes de club salientan o valor do primeiro derbi da historia do fútbol grovense na Preferente

16 nov 2018 . Actualizado a las 17:38 h.

O Monte da Vila será este domingo, desde as cinco da tarde, o escenario dun feito histórico. Por vez primeira o balompé meco gozará dun derbi local na Preferente. Un feito posible pola confluencia da estrea esta tempada do Amanecer na categoría, e a recurrente incapacidade do Unión Grove para recuperar o posto que no seu día copara na Terceira División o Deportivo Grove. Un duelo único, entre dous clubs singulares. O local, froito no 2005 da fusión entre o mencionado Deportivo e o Anduriña. O visitante, fundado en 1952, mais fóra do circuito das competicións federadas ata trinta anos despois, transitando durante tres longas décadas na última categoría do fútbol afeccionado galego ata o seu primeiro ascenso, a Segunda Autonómica, ao termo da tempada 2011/12. La Voz reuníu onte no Monte da Vila a dous homes de club para falar dun acontecemento deportivo, pero tamén social de primeiro nivel na península arousá. Cun apretón de mans, e desexándolle boa sorte ao rival. Así se saudaban os nosos dous analistas do derbi, Manolo Enrique Triñanes (23/I/1949) e Manuel Rodiño, Xaco (6/X/1981).

Amigo do pai de Xaco, Manolo é historia viva xa non só do Unión Grove, senón tamén da trabe mestra sobre a que naceu o club, o Deportivo Grove. «Comecei no club a mediados dos anos 80. Un amigo meu, José Manuel Bea, Carliños, era o presidente, e por botarlle unha man, entrei como directivo, e delegado do equipo», lembraba onte. Foi tempo despois de volver de Xenebra, onde botara tres anos emigrado buscándose a vida na construción, e de camareiro no aeroporto. Outros trece anos, esta vez en Canarias, entre 1997 e o 2010, separaron a Manolo do Deportivo. Á súa volta ao Grove agardábao o Unión, no que se volveu enrolar no papel de delegado, retomándoo a finais deste verán tras collerse un ano sabático. Nestas tres longas décadas Triñanes sentouse a pé de campo con Pedro Villanueva, Raúl Caneda, Serafín Neira, Jacinto Barreiro, Ricardo Dios, Borja Burgos, Nel Blanco e agora Santi Mariño á fronte das sucesivas versións do vestiario meco. E este domingo, subliña, será «a primeira vez que haxa un derbi oficial de dous equipos do Grove nesta categoría».

«Un acontecemento local»

É por iso que Manolo entende que o choque «é un acontecemento a nivel local», salientando que «vai haber un pique deportivo». Porque máis aló dos puntos en xogo, que «nos fan máis falta a nós», di, co Unión sete postos e seis puntos por debaixo do Amanecer, «ata imos saír nas comparsas se perdemos», advirte cun temor impregnado de humor o home de club do equipo anfitrión.

En termos semellantes se manifesta Xaco: «Queremos gañarlle ao Grove, para o día seguinte sacar peito, e dicir ‘¡Oe, gañámoslle ao Grove!’». E é que «¡Quen nos ía dicir hai sete anos que iamos pasar de xogar en campiños de terra enlamados da Terceira Autonómica, a xogar na Preferente co Unión Grove, ou co Vilalonga, un equipo de Terceira División de toda a vida». E dío alguén con coñecemento de causa. Porque a falta de tramitar outra tempada ficha de futbolista tras adestrarse desde o primeiro día coma un máis nas filas dirixidas por Ricardo Dios, Xaco pode presumir de ser o único supervivinte do primeiro equipo que celebrou un ascenso na historia do Amanecer, na xa mencionada campaña 2011/12, coparticipando nos posteriores e rápidos saltos da Segunda á Primeira Autonómica, e desta á Preferente a pasada primavera.

Presión sobre ambos bandos

Xogador desde neno nun club no que leva unos 20 anos, directivo en paralelo arredor da metade deste tempo, e delegado ocasional, como Manolo Xaco descarga a presión sobre o Unión: «Eles teñen máis ca perder cá nós. Máis ca polos puntos, polo tema histórico. Sempre estiveron por enriba de nós». Claro que isto último tamén podería pesarlle, cre Xaco, ao Amanecer, nun duelo que «non é que nos provoque mal de altura, pero impón».

Pedímoslles a ambos que se mollen. E os dous, sen telas todas consigo, falan de 2-0 e de 0-2 a prol dos seus equipos. Do que si están seguros ao 100 % é de «vai haber unha grande entrada». Porque «mesmo xente que non é de fútbol vaise acercar polo morbiño», apunta Xaco. Comprensible. Nunca tal cousa se vira no Grove.

«Fun masoca. Fixen cousas no club que non facía na casa»

Manolo retomou o pasado verán a súa función de delegado porque o novo adestrador do Unión Grove, Santi Mariño, «pedíume que lle botara unha man», conta. «El fora xogador do Deportivo Grove na etapa de Serafín, comigo de delegado. Non lle podía dicir que non». Pero si impoñer as súas condicións. «A tempada anterior deixárao porque estaba un pouco canso», de aí que «dixen no club que volvía só para ir os domingos aos partidos, levar as fichas, recibir e despedir os árbitros...», e asumir a maior das responsabilidades, a de ser «a persoa que manda no campo durante o partido, calquera problema que pase no campo cáelle ao delegado, non ao presidente do club», explica Manolo.

Sen ser todo o anterior cousa menor, no seu acordo co Unión desprendeuse de labores como lavar a equipación dos xogadores, pranchala e dobrala, ou limpar os vestiarios ao remate dos partidos. Tarefas que compartía cos directivos do club, e que antes da instalación do céspede de herba sintética no Monte da Vila, cando se xogaba sobre terra, incluía tamén ir as mañás dos partidos ao campo para pintalo entre varios. «Eramos masocas. Faciamos cousas polo club que na casa non facías», confesa o delegado.

Na súa dilatada carreira fixa discontinua, Manolo di que «todas as etapas foron boas, e fodidas». Con momentos duros. O que máis, cando no ciclo de Borja Burgos nun partido os dous centrais do Unión naquel momento, Ameixeiro e Fiti, «chocaron no aire ao saltar para despexar un balón. Os dous quedaron conmocionados, Fiti perdeu catro pezas dentais e partíu o tabique nasal. Foi media hora fodida ata que chegou a ambulancia».

Non sendo de atesourar moitos recordos, Manolo lembra rindo aquela ocasión na que «un árbitro me pedíu que lle reservara unha praza para o seu coche. Cando chegou alguén quitara os conos que eu puxera e ocupáraa. Díxome dúas cousas, e eu resposteille catro. Caéronme dous partidos» de sanción. Nada para quen, confesando ter «un pronto moi pronto», tiña por costume «poñerme por diante dun adestrador que tivemos co mesmo carácter cando se poñía tolo, para que me sacasen a tarxeta a min, e non a el».