Á procura dunha oportunidade artística

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

AROUSA

marcos creo

Mar Callón naceu na beira da ría de Arousa, pero representa ás Terras de Pontevedra no concurso «Recantos»

18 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Son moitos os cantantes que buscan nos concursos unha plataforma de lanzamento que lles permita facer realidade o seu soño de traballar enriba dun escenario. É un mundo complicado, no que son demasiados os que tratan de brillar, pero poucos os que conseguen converterse en estrelas. Aínda así, o importante é participar. Iso é o que pensa Mar Callón Torres. Ela é unha veciña de Ribeira que apareceu o pasado venres na pequena pantalla, para amosarlle a Galicia o que é capaz de facer coa voz. Participa no certame Recantos, enmarcado no programa Luar.

Aínda que é do municipio ribeirense, Mar Callón representará nesta ocasión ás Terras de Pontevedra, unha zona á que estivo moi vinculada: «Estiven alí vivindo seis anos e gardo moi bos recordos, ademais de ter grandes amigos. A proposta que me fixeron desde o concurso foi esa, despois de superar a proba que tiven que facer, e decidín aceptala». Non dubida en recoñecer que lle gustaría moito máis representar o Barbanza, comarca na que naceu e onde reside actualmente, pero unha razón de carácter sentimental influíu para que non optara por esperar á convocatoria do vindeiro ano: «Miña nai sempre me animou a que cantara e como ela estaba moi enferma, quixen participar canto antes para que me vira actuar na televisión». Non poderá ser, xa que a proxenitora faleceu, pero, na súa memoria, esta artista decidiu seguir adiante e dalo todo enriba do escenario.

No Picoro noiés

Aínda que a vida a foi levando por outros camiños, Mar Callón lembra que medrou cantando as cancións de Ana Kiro e Rocío Dúrcal, ao tempo que rememora con morriña os festivais dos colexios nos que sempre se apuntaba para coller o micrófono.

A verdade é que a súa traxectoria profesional descorreu despois lonxe dos escenarios, pero hai pouco máis dun ano decidiu mergullarse no mundo da música a través do coro Picoro de Noia: «Somos como unha pequena familia, que estamos nestes intres dándolle forma a un repertorio variado, con música negra, temas modernos e algunha canción en galego».

Co director desta formación, Narci Rodríguez, a ribeirense ensaiou e arranxou o tema que interpretou en Recantos, unha canción de Víctor Manuel: «Aínda que non a coñecía anteriormente, quedei contenta co tema. Iso si, teño que admitir que estaba nerviosa e que puiden facelo mellor»».

Sabe da dificultade que ten gañar un concurso no que concorren uns vinte participantes, pero considera que vivir a experiencia xa paga a pena: «É unha porta que se me abre para explorar e ver se podo seguir por este camiño. Tamén espero que me permita coñecer xente». Gustaríalle, como a calquera que se presenta a un certame, gañar ou obter un posto relevante, pero xa está satisfeita pola oportunidade que ten diante dela: «Participar xa é un paso adiante moi importante e gustaríame que este certame me abrira a posibilidade de mergullarme no sector audiovisual. Se non o consigo, seguirei dedicándome ao meu, que é o mundo da naturopatía. O único que quería era vivir unha experiencia divertida e saír da rutina».

A ocorrencia do seu irmán

A cantante ribeirense participa no concurso televisivo convertida en Mar K. John, o seu nome artístico: «É unha singular forma coa que o meu irmán escribiu un día o meu nome nun libro. Gustoume e decidín agora empregalo». Calcula, tendo en conta que aínda quedan dezaoito aspirantes máis por actuar, que o resultado non se coñecerá ata o mes de decembro: «Comentan que os dous que actuamos o venres conseguimos moitos votos, que deixamos o listón bastante alto, pero hai que esperar para ver o que ocorre finalmente».

Traxectoria . Mar Callón é naturópata, pero cantar constitúe a súa gran paixón desde que era nena. Hai pouco máis dun ano incorporouse ao coro Picoro de Noia.

Nome artístico. Participa no programa Recantos como Mar K. John. A fonética funciona perfectamente.