Rastrexando o mar de Arousa

AROUSA

VITOR MEJUTO

Non sei que teñen as malas novas, que sempre chegan a destino. Xusto Otero González nacera hai 66 anos en Porto do Son, fillo dunha parella de mestres que aprenderon a varias xeracións de meniños. E seica finou de súpeto, na casa, o primeiro día deste marzal de choiva que tan pouco lle convén ás súas queridas ameixas. Era Xusto un gran conversador, dono dunha persoal sensibilidade relixiosa. Se cadra non moi ortodoxa, pero si firme coma as balizas dos parques de cultivo. Cando a actual mandataria do ramo, Rosa Quintana, se incorporou á antiga Consellería de Pesca, hai cousa de trinta anos, o noso biólogo xa rastrexaba o mar de Arousa. Deixou de facelo hai ben pouco, en xuño, na hora da xubilación. Atrás quedaban décadas de traballo dende a delegación de Carril. Os mariñeiros lembrarán ben a Xusto, que ría a cachón comentando como apuraban os homes a faena cando ía con eles de muestreo, «porque como nos desen as doce no mar sempre lles facía parar para rezar o Ángelus». Colaborou moito con La Voz de Arousa, escribindo sobre o divino e o humano. Nunca deixou de facelo, en realidade. Cantas cartas ficarán pendentes. Malas novas.