Cantigas de amigo a ritmo de rap

Bea Costa
bea Costa CAMBADOS / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

O centro gaña un concurso de vídeo convocado co gallo da exposición do Pergamiño Vindel en Vigo

24 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Sediame na eu na ermida de San Simón / e cercaronmi as ondas que grandes son / eu atendendo ao meu amigo / eu atendendo ao meu amigo, canta Mariña Area cunha doce melodía, vestindo coma no medievo e nunha bucólica estampa ao pé da torre de San Sadurniño. E nisto aparece Carlos Caamaño con roupa deportiva e sóltalle a ritmo de rap: rapaza céntrate na actualidade / non é sitio unha ermida para intimar co teu amante.

Así arrinca Cantigueando, o vídeo co que o instituto Francisco Asorey vén de gañar o concurso convocado polas secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura co obxectivo de promover a lírica medieval co gallo da exposición do Pergamiño Vindel no Museo do Mar de Vigo.

A traslado deste valioso documento a Galicia, o pasado ano, serviu de pretexto, entre outras moitas cousas, para amosarlle aos mozos que na Idade Media xa se compoñían cancións de namorados, e facíase en galego. «Unha das cousas que lles pareceu máis curiosa é que naquela época estivera tan valorado o galego, fronte ao que ocorre agora», segundo sinala Aurora Souto, profesora de Literatura Galega no instituto, quen xunto cos mestres Santiago Rey y Moisés Amado axudaron aos alumnos con este traballo.

Co vídeo querían amosar que pasado e presente poden ir da man, e abofé que o conseguiron. Quen lle ía dicir ao xograr Martín Códax que as súas composicións serían cantadas por rapaces do século XXI, con fondo de batería e gravada nun vídeo. Moitos factores confluíron para que tal cousa sucedera. O principal é que o comerciante de libros antigos Pedro Vindel atopara o documento nunha libraría, aló polo 1914. Durante o século pasado o pergamiño viaxou por Suecia, Reino Unido e Estados Unidos, e en outubro chegou por fin a Galicia, ao Museo do Mar de Vigo, onde estará exposto ata o mes de marzo.

Ata alí foron un grupo de alumnos do terceiro da ESO e primeiro da Bacharelato para coñecer esta xoia da cultura galega e outros poderán volver grazas a este premio, que inclúe como agasallo, ademais, unha excursión ao Museo do Mar, unha visita á illa de San Simón, unha cámara de vídeo e un diploma.

Cantigueando non é só unha demostración de creatividade e talento; a Carlos e a Mariña contaralles para a nota, igual que aos compañeiros que puxeron a música aos seus versos: Alexandre Otero, Iván Cacabelos, Rodrigo García, Mariña Chaves e Isidoro Baúlo. Entre todos foron quen de reinventar as cantigas de amigo.