Moito máis que a inventora do inglés de taberna

María Hermida
maría hermida PONTEVEDRA / LA VOZ

AROUSA

Sandra Alonso

Paula Fraga xuntou nun proxecto o mellor de Galicia, ata a retranca, e ensina aos camareiros a entenderse cos «guiris»

20 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai que pedirlle perdón a Paula Fraga. Non queda outra. Porque quizais a súa historia habería que empezar a contala polo seu presente, polo bonitísimo proxecto empresarial que ten entre mans; un negocio chamado Octopus to the Party -unha tradución estrafalaria ao inglés da expresión polbo á feira-, que naceu para botar abaixo ese muro que ás veces hai entre os camareiros galegos e os turistas estranxeiros, é dicir, para darlle ferramentas á hostalaría da terra para entenderse cos guiris á hora de ensinarlles a comer un percebe ou contarlles que o centolo, tras pasar pola pota, xa non morde. Só ese luminoso proxecto daría para a reportaxe. Pero non. Perdón, Paula, pero non. Toca viaxar antes ao pasado. E elevar unha anécdota á categoría de descrición.

Todo ocorreu hai máis dunha década, nunha voda nun fermosísimo lugar de Moraña, moi preto de onde Paula é, xa que ela naceu en Caldas. Casaba a súa mellor amiga. E todo o mundo levaba as súas mellores galas. Paula di que, se ben lle fallou a perruquería, á que non chegou a tempo por mor do traballo, tamén preparara a vestimenta para a ocasión. Polo menos para o seu gusto. Pero o caso é que o seu vestiario chamaba a atención; era moi informal nun contexto de abundante elegancia. O caso é que a ela, como amiga da noiva, lle tocou poñerlle unhas palabras a aquela doce cerimonia civil. Paula tomou a palabra. E foino todo naquel discurso: foi unha amiga emotiva, unha muller libre e forte, un sopro de aire fresco, unha brisa suave de romanticismo... Todo o mundo se emocionou ao ver como ía espindo sentimentos, como demostraba o amor pola amiga coas palabras máis atinadas, máis precisas. Tanto, que hai quen as recorda unha por unha despois dunha década. Quen a escoitaba pensaba que, se en lugar de presentarse con aquel vestido case de praia levase poste ela un mandilón de cadros dos que usan as mulleres no rural, estaría igualmente perfecta. ¡Que máis dá, se fixo enmudecer a todos!

O famoso caderno

O caso é que pode que esa anécdota retrate a Paula. Porque ela, á que a súa nai lle ensinou que non importa de onde un parta nin en que posición estea, que «os soños de cada un non teñen que ser máis baixos que os de ninguén», é destas persoas capaces de alumear cousas alí por onde pasa. E ademais faino ao seu xeito, poñendo a súa pegada. Volvamos ao pasado. Paula ademais de nacer criouse en Caldas. Tralos estudos secundarios marchou para Canarias, onde empezou a traballar na hostalaría e onde fixo un ciclo sobre Turismo. Di que non lle gustaba demasiado o sector, que o que quería era facer Historia. Pero que foi o que tocou naquel momento. Pasou o tempo e decidiu marchar a Londres, e seguiu no mesmo gremio. Ata que un día se plantou na Coruña para saldar contas coa formación académica. Fixo Turismo e traballou en distintos sitios. Volveu a Inglaterra, regresou á terra e... a modiño, foi xurdindo o seu proxecto. E todo a conta dun caderno. Paula, que se afincou en Santiago, traballaba no Abastos 2.0 como xefa de sala e vía como era frecuente que os seus compañeiros pasaran mil e unha para entenderse cos estranxeiros, sobre todo para poder venderlles ben un produto da terra. «Porque a realidade é que en determinadas culturas un percebe ou o propio polbo pode parecer algo noxento... ¿como llo explicas?». Así que un día ocorréuselle facer un glosario coas palabras máis usadas na hostalaría, a tradución ao inglés e, sobre todo, unha terceira lista «poñendo como había que pronuncialas». De tal modo que nesa táboa se podían ler cousas como teibol, a tradución sonora de mesa. A súa idea gustou. E os seus compañeiros e xefes acabaron dedicándolle un tempo cada día a aquela teima de Paula para que aprendera inglés. «Canto máis aprendían máis querían saber, porque de repente tiñan ferramentas para falar cos estranxeiros sen ter que pasar por un proceso de aprendizaxe da lingua que moitas veces, por cuestión de tempo, non é posible».

Ese foi o xermolo de Octopus to the Party, que precisamente ten ese nome para demostrar que usar tradutores simultáneos non serve de moito, porque a expresión polbo á feira, aínda que en inglés sería algo así como octopus to the party, «así non se entende». O proxecto medrou. E medrou a imaxe e semellanza de Paula; con retranca, con espírito divertido, aberto a todo e con sensibilidade extrema. Foron chegando peticións de restaurantes para que lles fixera caderniños como os que tiñan no Abastos 2.0, e Paula tamén foi diversificando a actividade. Por exemplo, fixo e fai con éxito en Santiago e na Coruña catas gastronómicas en inglés, que triunfan tanto entre estranxeiros como entre galegos que queren practicar a lingua inglesa de xeito divertido. Paula, aproveita, ademais, para combinar as súas paixóns co que oferta, de aí que tamén conte historias e Historia. Di que lle tira falar de calquera período pasado. Pero que estando en Santiago toca aprender moito do medievo, así que ten un máster pendente.

De cando en vez, para Octopus, un proxecto que combina co traballo de guía turística en Compostela, e volve a Caldas. Faino para ver a súa nai. Á muller que, di ela, lle ensinou a ser como é. E ten razón. Porque os soños de Paula, como súa nai lle dixo, non son máis baixos que os de ninguén. E por riba eses soños comezan a facerse realidade.