«Non podes pintar algo con mala conciencia»

AROUSA

Martina Miser

Unha obra dedicada ao cineasta iraniano Kiarostami domina con trazo poético unha mostra que ficará no Grove ata fin de mes

12 ago 2017 . Actualizado a las 11:05 h.

«Territorio cromático» é unha escolma en lenzo e papel dos traballos máis recentes xurdidos da mente e as mans de Xaquín Chaves (Vilaxoán, 1959). Dúas obras marcan, dalgún xeito, as lindes deste particular territorio. «O vento levaranos» remite á película do mesmo título de Abbas Kiarostami. É a única pintura de grande formato da mostra. «Hai tempo, a paisaxe seca que observei a carón do estudo fíxome pensar naquela película que só vira unha vez, a plasticidade do cine de Kiarostami, a maxia da luz». A chamada do figurativo non é sinxela de resolver, e a idea queda arrombada nalgures ata que a morte do cineasta iraniano desbloquea o proceso creativo e dá lugar a unha peza impregnada dunha figuración evocativa, poética.

O outro marco é «Duino», unha escultura en eucalipto pigmentado de añil que forma parte daquela dinámica truncada que puido levar, hai anos, a facer do Alobre un bosque escultórico e non callou. O título apunta ás «Elexías de Duino», de Rilke.

Un paso no cine, outro na poesía. Toca falar do acobillo. A galería Besada, xunto a Arcana o único espazo expositivo privado que pervive no Salnés. «É preciso defender estes pequenos espazos, ter presenza neles, e reivindicar un certo apoio institucional que se bota en falla».

Os «Territorios cromáticos» son a súa segunda incursión na galería grovense. Probablemente haxa máis, se a oportunidade se brinda. Pero na cabeza do pintor bule outro proxecto moito máis ambicioso. «Unha obra que se vai é unha folla que lle arrincan ao libro; obviamente o mellor que pode suceder é que a alguén lle guste unha obra, pero ás veces gustaríame conservalas o tempo preciso para amosar o argumento enteiro». Este argumento sería todo o contrario dunha antoloxía: a condensación de cada paso, de cada rexistro, nunha exposición orgánica, que acepte as contradicións e procure a coherencia. «Non podes pintar algo con mala conciencia», reflexiona Chaves. Agardaremos.