«A baixura precisa de máis apoio»

Marcos Gago Otero
marcos gago PONTEVEDRA / LA VOZ

AROUSA

No disponible

Aetinape é un dos colectivos que ten como un dos seus obxectivos a mellora das condicións do traballo no mar

02 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A traxedia do Nuevo Marcos conmocionou á comarca de Pontevedra e especialmente ás xentes do mar. Unha vez máis, perdéronse vidas nun naufraxio, algo que para moitos veciños é moi duro de aceptar ao ocorrer tan cerca das súas casas.

-¿Que cre que pasou neste afundimento?

-É difícil de sabelo. Nós, neste tipo de situacións, procuramos primeiro que se escoite ás testemuñas que estiveron alí no momento da traxedia, e logo coa documentación, despachos e outros informes sobre o barco, terá que ser a Comisión de Investigación de Accidentes Marítimos, da que somos parte, a que se pronuncie. Por agora, fáltannos a maioría dos datos. Hai explicacións posibles que se escoitaron estes días entre a xente, como que puido ser un despiste. Hai que recordar que no mar tamén hai fatiga, cansazo, situacións que te sobrepasan ou moitos factores que agora non sabemos aínda. Eu sinto unha gran debilidade pola xente de baixura porque os vexo ir ao traballo todos os días desde a miña casa, o sacrificio que fan e como saen ao mar en condicións moi difíciles, ao frío e á choiva. Eu non teño dúbida de que esta tripulación era de grandes profesionais, sinto gran respecto por eles, e á hora de falar do que lles puido pasar, esperarei a escoitar o que din as testemuñas e a ter todos os datos.

-¿Cree que é mellorable a seguridade nos barcos?

-Iso sempre. Ao noso xuízo hai que adoptar medidas para que as embarcacións da baixura teñan máis capacidade de resposta en caso de accidentes, dotalas de mecanismos preventivos e tamén de chalecos adecuados. O rapaz que foi nadando á costa é algo admirable que non fora vítima da hipotermia. Un suceso como o do Nuevo Marcos é un tema moi sensible. Non sei se é prioritario, pero quizais habería que pensar en facer algo máis no caso dos chalecos homologados, como o que emite un sinal que identifica á embarcación, localiza ao traballador e facilita as tarefas de rescate. Hai moita tecnoloxía avanzada que se pode incorporar e ten que servir tamén en seguridade sen estorbar ao traballo que se fai nun barco. Tras este naufraxio e sen volverse tolos, temos que racionalizar as medidas a tomar e a partir de aí os representantes da baixura e as Administración deben decidir. E hai cousas das que, por exemplo neste caso, hai que saber que pasou e como evitar que se repitan. O barco, que non tiña a obriga legal de levar radiobaliza, levábaa, o que fala moi ben dos tripulantes e da empresa, pero non saltou no afundimento. Iso terá que estudarse na comisión de investigación.

-¿Por que lle da tanta importancia á cuestión dos chalecos?

-Á flota artesanal de augas interiores non se lle pode aplicar os mesmos plans que á de altura. E ademais hai moitos tipos de embarcacións distintas nesta flota. O que creo é que hai que ver é a necesidade e se hai chalecos máis adecuados. A Administración debe volcarse máis na baixura, que é a única flota que desgrazadamente nos está quedando e precisa de máis apoio. E para nós habería que ver se está homologado un chaleco inchable con radiobaliza e cunha cámara que poida activarse en caso de naufraxio. Este tipo de medidas deberían alomenos explorarse. É unha das propostas que levaremos desde Aetinape á comisión de investigación e á Mariña Mercante para que se estude. Creo que non falamos de medidas espectaculares nin custosas co apoio da Administración e o consenso do sector. Espero que para a baixura haxa un maior apoio institucional, porque é unha flota de pesca social, a parte máis débil no sentido económico, e é necesario facer un debate sosegado. Deben ser medidas sen gran custe económico pero que se debatan con moita vontade de saír adiante no sector e na Administración.

«Hai que adoptar medidas para que a baixura teña máis capacidade de resposta»

«O ‘Nuevo Marcos’ levaba radiobaliza, pero hai que investigar por que non saltou»

«É escandaloso que as bateas non se visualicen durante a noite»

As colisións entre embarcacións e bateas non son habituais, pero prodúcense de cando en vez. As bateas figuran nas cartas náuticas, pero Aetinape cre que é insuficiente.

-¿Por que?

-Porque é asombroso, escandaloso, que o regulamento internacional de navegación obriga a que os artefactos que estean fondeados ou navegando teñan que estar sinalizados, e que as bateas non o estean. As veces hai ducias de barcos fondeados e todos están ben visualizados. Teñen unhas luces que indican onde están fondeados e que teñen unhas características en función do seu tamaño. Non ten sentido que plataformas petrolíferas, boias, illas, cabos e baixos teñan iluminación identificativa e as mexilloeiras non. Todos recordamos unha lancha do Servizo de Vixilancia Aduaneira hai bastantes anos como perseguindo a unha planadora acabou colisionando cunha batea e morreu unha persoa.

-Mar defende que o polígono de Tambo cumpre coa normativa.

-Si, as bateas cumpren coas normativas, pero tendo en conta as características da flote que traballa no interior das rías, teñen que estar visualizadas tamén de noite. ¿De que forma? Iso o deben decidir as autoridades marítimas. Me sorprende escoitar agora que se di que a Administración xa estaba estudando algunha medida cando ocorreu o accidente. Ao mellor o naufraxio non foi culpa da mexilloeira, pero o barco colisionou coa batea e iso lle causou a vía de auga que o afundiu. É un perigo que haxa 3.300 obxectos flotantes non visualizados nas rías. Todas as precaucións no mar son poucas.

-Sendo tantas bateas e tantos barcos, hai poucos accidentes.

-Eu creo que afortunadamente é debido á pericia, a profesionalidade e a experiencia destas xentes que faenan nas augas interiores. As bateas son sempre un factor de risco.