Culturgal para todas as idades

AROUSA

. capotillo< / span>

A feira non perde de vista os nenos e programa para os cativos toda clase de actividades

03 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O Culturgal, que onte arrancou no recinto feiral de Pontevedra é a grande cita da industria cultural de Galicia. Non cabe dúbida de que é, precisamente, a industria no seu máis amplo sentido da expresión a protagonista desta cita e como tal non perde de vista a un dos seus públicos máis importantes: o infantil.

É por iso, que xunto con eventos nos que se desbroza todo canto ten que ver cos fenómenos culturais galegos ou nos que se presentan creacións artísticas en diversos eidos -literario, cinematográfico, musical...-, programáronse una serie de eventos dirixidos aos máis cativos. Así, na xornada inaugural desta novena edición, os pequenos tiveron ocasión de gozar coa presenza dalgúns dos seus personaxes televisivos favoritos. Alí estaban o Xabarín, Shin Chan ou Doraemon.

Pola súa banda, os adolescentes tiveron ocasión de coñecer en primeira persoa a dous dos autores que máis tirón teñen entre o público xuvenil. Ao fin e ao cabo, Iria Misa alzouse este ano co premio Xules Verne de literatura xuvenil con «Xa non estou aquí», mentres que David Pérez Iglesias e a súa novela «Todo o tempo do mundo» fixeron o propio co premio Merlín de literatura infantil.

Programa de hoxe

Está claro que esta mesma filosofía vaise manter tanto hoxe como mañá. De feito, ademais de entregarse o premio de literatura infantil e xuvenil Meiga Fóra a Héctor Cajaraville, o Concello de Pontevedra aproveitará para presentar o dezaoito Salón do Libro Infantil e Xuvenil.

E se de presentacións se trata, o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, aproveitará a xornada deste sábado para presentar publicamente as distintas actividades e iniciativas enmarcadas no Ano do Patrimonio que se desenvolverá no 2017. No Culturgal, a Deputación Provincial tamén está presente con toda unha serie de proxectos, algúns dos cales xa puideron verse onte, caso do mapa do patrimonio. Trátase dun plano da provincia onde se recollen ata catrocentos elementos patrimoniais de toda índole, dende os clásicos petróglifos ata distintos pezas de carácter etnográfico ou contemporáneo.

A Feira das Industrias Culturais, de igual modo, non é allea a un dos fenómenos literarios dos últimos anos: a explosión da novela histórica. Deste xeito, os autores Alberto Canal -O amor nos escuros días de Birkenau-, Manuel Gago -O anxo negro- e Ramón Nicolás -O espello do mundo- manterán un encontro para analizar a evolución deste xénero.

En canto aos espectáculos, hoxe está programado Paralaia 20, co que Xosé Manuel Budiño celebra o vinte aniversario do disco co que deu inicio á súa aventura en solitario