O líder sanxenxino recalca que foi A Revolta quen velou polo monte disputado
23 ene 2015 . Actualizado a las 04:53 h.O Xurado Provincial de Montes tramita un novo expediente do monte do istmo da Lanzada, que foi clasificado a favor dos comuneiros de Noalla en 1989. Agora unha sentencia favorable a unha reclamación do Concello do Grove obriga a reiniciar o trámite administrativo. Os comuneiros de Noalla teñen o apoio do Concello e non desexan un enfrentamento cos seus homólogos mecos.
-¿Que lles pide o Xurado?
-Que aportemos documentación no expediente de clasificación do monte e lle enviemos os planos de todo o terreo. Estase traballando niso e imos presentar os planos que tamén nos piden. Fomos incluso a Valladolid, onde hai un arquivo con documentación das parroquias, e tamén aportaremos o catastro do Marqués de Ensenada. Imos demostrar outra vez que son os veciños de Noalla os que seguen facendo o aproveitamento de parte dese terreo, porque desde 1989, cando entrou Costas, non se deixa facer nada nas dunas, e sobre esto último habería moito que falar.
-¿Por que?
-Agora a xente xa non se acorda, pero os veciños de Noalla pasamos moitas noites e días vixiando as dunas. Daquela na parte do antigo campo de aviación quitáronse toneladas e toneladas de area e vendíase. E eu me pregunto, ¿onde estaba antes o Concello do Grove? Quero tamén que quede claro, moi claro, que nós non temos problemas cos comuneiros do Grove, o temos co Concello, que non sabemos onde estaba cándo había que defender A Lanzada. Fomos nós, os veciños de Noalla, os que quitamos a empresa que estaba traballando alí, porque as dunas quedaron moi mal, e foi entón cando houbo xente que de noite botaba escombros. Foron tantas toneladas de area fora que era para meter na cadea á xente que desfixo ás dunas da Lanzada.
-¿Por que actuaron vostedes sobre este asunto?
-Nós historicamente, desde Foxos, a praia e en todo o istmo, sempre fomos os veciños de Noalla, e sobre todo os da Revolta, os que fixemos o aproveitamento dos terreos. Os veciños da Revolta ían ata alí porque había moita carrasca, moito xunco, e se collían para os animais, e tamén había pastoreo. Nós sempre traballamos eses terreos da Lanzada e por iso tamén os defendemos como nosos desde tempo inmemorial.
-O Concello do Grove acadou unha sentencia que ordena reiniciar o proceso de clasificación dándolle audiencia á entidade local, porque o executivo meco di que non se lle tivo en conta no proceso anterior. ¿Está dacordo?
-Eu sigo confiando plenamente no Xurado Provincial de Montes. Nós no ano en que o Xurado nos clasificou o monte ao noso favor, todo o mundo sabía o que se estaba facendo. O Concello do Grove sabía perfectamente que estaba aberto o proceso clasificador. Saíu publicado nos boletíns oficiais. Sabíao perfectamente.
-¿Que van a facer co novo expediente clasificador?
-Nós non podemos aportar documentación nova da que non se falase no seu día e a comunidade de montes non vai mentir no Xurado Provincial. Nós o que estamos é facendo unha planimetría nova que é o que nos pediron e confío en que o Xurado non dará volta atrás da súa clasificación de hai tantos anos. Todo o que o Concello do Grove presente para a súa reclamación da praia é mentira. Nós temos os nosos dereitos históricos e podemos demostralos.