O alcalde, Miguel Pérez, o voceiro do BNG, Heladio Outeiro, e o avogado Avelino Ochoa reflexionan sobre o sucedido co PXOM e coinciden na urxencia de que O Grove teña un plan
18 ene 2015 . Actualizado a las 04:50 h.Se falamos de normativa urbanística so hai unha cousa na que parece que todos os grovenses están de acordo: a urxencia que ten o municipio de contar cun plan que dirixa o seu desenvolvemento. E niso coinciden tamén o alcalde, Miguel Pérez, o voceiro do BNG, Heladio Outeiro, e o avogado Avelino Ochoa. Os tres -nesta entrevista M (Miguel Pérez), H (Heladio Outeiro) e A (Avelino Ochoa)- reflexionan sobre os últimos acontecementos relacionados co PXOM nun debate no que a plataforma de afectados polo documento rexeitou participar.
-¿Canto tempo máis pode pasar O Grove sen un PXOM?
-M. A necesidade de contar cun documento destas características é imperiosa para o noso concello, e de aí xurde o compromiso primeiro de sacalo adiante. Nós presentámonos ás eleccións con ese compromiso, non enganamos a ninguén. E partimos dunha situación, que son as normas do ano 96, que están claramente moi desfasadas e en parte cercenadas por un decreto do ano 2002, que xa nos dá un primeiro toque de atención do que é a situación urbanística do Grove. Polo tanto con esa premisa, que non deixa de ser facilitar un documento que regule a correcta definición do territorio, iniciase o traballo. Pero resulta que non foi o máis axeitado, porque non chegamos á poboación. E agora virá o que queda no futuro, que é mellorar todo isto. Pero entendemos que non podemos estar demasiado tempo sen unha normativa. Ter un documento e adecuarnos ás leis que temos para dar seguridade xurídica a calquera persoa é absolutamente necesario.
-H. Levan desde o 2002 esgotando todos os prazos e ultimatos que se lle puxeron desde a Xunta. E non foron capaces de facer un pacto coa sociedade, os que tiveron as rendas deste concello, para sacar adiante o planeamento urbanístico. Nese famoso decreto, no que se lle dá ao concello un prazo de nove meses para sacar adiante un PXOM, dicía que en caso de que non se elaborara ese planeamento, a Xunta se encargaría diso. Un brinde ao sol da Xunta. As normas do 96 terían as súas cousas, pero eran algo co que dar unha seguridade xurídica a construtores, arquitectos.... E chegamos a este novo PXOM. Que ao principio eu crin que ía ser o definitivo, porque vin que o redactor tiña as ideas claras, que había seriedade e criterios bastante firmes. Pero no último ano escaso eu vexo unha deriva un pouco estraña, na que non se conta coa oposición para nada. E é o goberno o que tenta impoñer ese documento. Por outra banda, é certo que para todos os problemas urbanísticos que ten O Grove, a receita que che dan todos é aprobar un PXOM canto antes. O Grove é pobrísimo en terreo municipal. E aí estamos, nese impás de non poder ter instalacións e equipamentos e de ser un concello que se está quedando atrás en infraestruturas e servizos con respecto a concellos da nosa contorna.
-A. Non podemos esperar nin un segundo máis. É unha cuestión clarísima porque hai unha situación caótica, desastrosa, que o que xera é a ruína absoluta deste pobo. Hai situacións empobrecedoras dos cidadáns que teñen patrimonio, e do concello, porque non pode rentuar o urbanismo. E sobre todo hai unha situación de absoluta inseguridade xurídica. E iso quere dicir que hai que facer un exercicio de responsabilidade e dotar ao Concello de planeamento urbanístico. Sobre todo en tempos de crise económica, que no Grove é mais acuciante porque o patrimonio cidadán non ten valor e non o ten porque a pesar de que o suelo debería alcanzar valores importantes, como non hai planeamento urbanístico que permita o seu crecemento, provoca empobrecemento. É imprescindible seguir adiante co plan xeral. É un exercicio de responsabilidade.
-¿Existe no Grove falta de formación urbanística e por iso as normativas acaban obtendo esa resposta dos veciños?
-M. É bastante complexo asimilar determinadas figuras urbanísticas, pero hai que pensar que é o que nos ofrece a lei. Parece máis evidente que a cidadanía entende que é necesario este documento, outra cousa e que nós acertemos en deseñalo. Probablemente sexa necesario, para acadar uns mellores resultados, unha participación de todo o mundo máis intensa. E unha situación en que se trasladen á rúa conceptos urbanísticos que son para todos descoñecidos. E probablemente nesa parte comunicativa, non estivésemos o máis acertados.
-H. Discrepo desta afirmación. Si é certo que na poboación en xeral a falta de formación urbanística é evidente. Porque apenas se impartía nos currículos escolares. Sen embargo, eses mesmos cidadáns foron quen de acudir a asesores, avogados e arquitectos, que teñen moitos coñecementos en urbanismo e que si viron que había moitas cousas estrañas neste PXOM, e que asesoraron aos veciños para que presentaran as alegacións. Unha implantación de calquera cousa, o principal vai ser convencer de que é a mellor das opcións e ao mellor o que tentou facer este goberno, que foi vencer, non foi o máis acertado. Intentar vencer aboca ao fracaso, independentemente de que se teña ou non razón.