Que fale a ciencia

AROUSA

Os berberechos xa non queren medrar na ría. Hai un par de anos unha das especies máis importantes do mar arousán desapareceu dos fondos e aínda non temos moi claro nin que foi o que pasou, nin se vai volver. Hai dúas campañas, Os Lombos do Ulla dixeron que xa non daban máis de si. Esa zona iniciará o 2015 extenuada, sen folgos para soster aos rañeiros que dela deberían vivir. Nas bateas, os mexillóns despréndense das cordas e caen, e caen, e volven caer. E as mareas vermellas son cada vez máis intensas e máis poderosas, máis capaces de descalabrar as contas de toda unha ría. ¿Por que pasa todo isto? Fálase (nos peiraos e no Parlamento) do cambio climático, da temperatura da auga, da choiva, do vento do Norte, do vento do Sur. Fálase por falar. Porque aos científicos, que para iso están, de momento non se lles escoitou.