Pode estrañar a moitas persoas que un pobo tan pequecho como O Grove teña un nivel de participación tan alto nas chamadas redes sociais. Mais si botamos a vista atrás veremos que isto non é, nin máis nin menos, que a adaptación da idiosincrasia dos mecos aos tempos actuais. Idiosincrasia que para moitos ten que ver con que O Grove fose illa, e polo tanto carácter isleño para o bo e para o non tan bo: Hospitalarios cos de fora, abertos, solidarios, críticos, inconformistas, unidos contra as inxustizas... Outros pensan, en cambio, que todo parte da xustiza que o pobo unido fixo con Don Juan de la Meca (O Meco). En calquera caso, a historia dos mecos está chea de imaxes que ilustran o noso carácter.
Corría o ano 1902 e trescentas dornas xeiteiras apresaron catro galeóns de Vigo que viñan vender a sardiña para as fábricas de O Grove, no que se deu en chamar neses tempos a guerra da sardiña e na que os mariñeiros mecos foron punta de lanza. No 1912, mais de 1500 mecos manifestáronse diante do Goberno Civil en Pontevedra contra o caciquismo.
A participación dos mecos na vida política foi sempre moi activa, estando presentes na defensa da legalidade republicana contra o golpe de estado do ditador Franco, proba diso foron os centenares de veciños e veciñas asasinados, encadeados e represaliados por estes feitos. Máis recentemente houbo a mobilización cidadán contra Grovelán, e no 1981 máis de cinco mil mecos se manifestaron por Pontevedra na demanda dun centro de saúde. Fai pouco mais de dez anos, o exemplo que deron os veciños do Grove na catástrofe do «Prestige», de solidariedade, se deu en moi poucos outros lugares.
No aspecto solidario os veciños do Grove fixeron piña en moitas ocasións na axuda de outros en situacións de catástrofes materiais ou persoais. Socialmente os mecos fomos tamén moi activos e temos asociacións culturais con grande actividade, tanto musicais como teatrais, e non falemos xa do Entroido do Grove, o cal historicamente foi sempre un referente na comarca.
Polo tanto, a nosa participación nas redes sociais non é mais que continuar adaptando a nosa idiosincrasia de pobo solidario, comprometido e vivo aos tempos que corren.