De confirmarse «o desastre» dos primeiros días nos Lombos do Ulla, non descarta medidas como as do 2012, cando se decretou o peche desta zona
05 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.A conselleira de Mar, Rosa Quintana, estivo o mércores na Pobra. Esa mesma xornada na que ela presenciaba, a pé do peirao pobrense, un espectacular simulacro anticontaminación, os mariscadores chegaban a terra desesperados polo desastre do primeiro día de campaña no libre marisqueo, é dicir, nas zonas que xestiona directamente a Xunta, Os Lombos, Cabío e O Bohído. Ao preguntarlle por esta situación, polo mal trago da flota ao comprobar que nos bancos que lles deberían dar de comer durante os meses máis crus do outono e do inverno non lograron coller os topes nin na primeira xornada de traballo, mostrábase esperanzada. Dicía que os primeiros días non fan proba. E pedía tempo e tranquilidade. Pasaron varias xornadas máis e, aínda que mantén o discurso, o seu optimismo rebáixase.
-A pé dos peiraos dise que o marisqueo a flote na ría de Arousa vai mal, ¿os datos din o mesmo?
-Levamos moi poucos días para facer estatísticas pero polo que me din confírmase que hai pouca produción e que Os Lombos están moi tocados, que hai bastante desastre. En cambio, nas outras zonas parece que vai haber cantidades similares de marisco ao ano anterior. Pero hai que dicir que os primeiros días nunca dan mostra do que van dar realmente os bancos.
-De confirmarse o desastre nos Lombos do Ulla, un banco historicamente clave... ¿que vai facer a consellería?
-Pois non se descarta tomar as mesmas medidas que no 2012, cando ante a falta de produción se pechou o banco e quen puido acreditar a súa dependencia desta zona cobrou o paro.
-A baixada de produción non soamente se nota no libre marisqueo. ¿Que ocorre na ría de Arousa?
-Levamos un ano moi malo pola meteoroloxía. Estamos nunha época similar á do 2006, cando as riadas afectaron moito ao marisqueo. Pero eu estou esperanzada porque hai moita fixación de cría.
-¿Hai futuro, entón?
-Totalmente. Son consciente de que este é un ano moi complicado, pero hai futuro. Se o ano que ven nos acompaña a climatoloxía imos notar a melloría. A capacidade de produción de rías como a de Arousa é enorme. De feito, en zonas como Barbanza decomisamos marisco a furtivos todos os días... Se hai furtivos é porque segue habendo produción.
-Cambiemos de ría... ¿Como é posible que as cousas vaian tan mal en Arousa e en Noia o marisqueo siga movéndose nuns números aceptables?
-Son rías totalmente distintas, non teñen nada que ver. A capacidade de produción da ría de Noia é inigualable en toda a costa galega.
-Noia é a maior confraría de Galicia. O seu patrón maior dixo publicamente que cre non lle cae simpático a vostede, ¿é certo?
-Creo que non lle sentou ben que non o chamara tras saír elixido. A verdade é que non chamei a ningún, porque votáronse 63 patróns á vez. Pero se está molesto, pídolle desculpas. Eu non teño absolutamente nada contra Santiago Cruz.
rosa quintana conselleira do mar