«Houbo unha gran participación de colleiteiros, grazas a eles levamos 42 anos»
06 jun 2014 . Actualizado a las 06:54 h.Primeiro como concelleira e logo como alcaldesa, Salomé Peña leva xa moitos anos na primeira liña da Festa do Viño Tinto do Salnés. Con 42 anos de historia, sería moi raro que esta festa non acadara a efeméride redonda do medio século pero, desa volta, Salomé Peña conta con ver os touros desde a barreira. «Xa che digo agora que non vou estar», aclara.
-Ocupémonos logo da edición que arrinca hoxe, ¿cal é a principal novidade respecto doutros anos?
-A principal é a unificación dos comités de catas nun só. A mesma xente xulgará os viños tintos e os autóctonos. É algo que nos viñan demandando os viticultores para que todo sexa máis neutral e transparente.
-¿Cantos colleiteiros se presentaron?
-Presentáronse cen viños dos cales quedarán para a cata final doce tintos de Barrantes e doce autóctonos. Houbo unha gran participación o cal é bo pois son eles, os colleiteiros, os verdadeiros protagonistas, e grazas a eles levamos 42 anos de festa.
-Coa boa colleita que houbo o ano pasado, non terían problema para atopar materia prima...
-Hai viño dabondo. Ninguén se vai quedar sen beber viño. Temos os postos de degustación na carpa e logo temos a degustación gratuíta do sábado, na Carballeira, despois do pregón. E para que baixe ben, acompañámolo de pan de millo e chourizos.
-Por certo, ¿sole haber problemas cos controis de alcoholemia nestes días?
-Non especialmente. Pode haber algún pero ninguén deixou de beber polos controis. Hai que beber con moderación e así non hai ningún problema.
-O viño é o protagonista indiscutible pero esta festa ten outros alicientes como a música, o pregón...
-Si desde logo. Penso que o concerto de Treixadura vai ser un grande éxito e ao pregón de Carlos Blanco, que é un actor moi coñecido, penso que vai asistir tamén moita xente.
-Coa xente chegan os coches, ¿como organizan a loxística vial en Ribadumia?
-Desde esta tarde [por onte] xa está pechada a rúa Bouza Martín ata o luns.
FEsta do viño TINTO do Salnés