Como presidente de Protección Civil de O Grove, Víctor Otero leva meses negociando un grupo de emerxencias definitivo. O mesmo que fixo fai agora un ano. Pero xa está canso. Sobre todo, das promesas incumpridas da Xunta. Con moita paciencia e calma asegura que, se non hai axudas, os voluntarios deixarán os seus postos. Cree que xa levan demasiado agardando por unha solución para un servizo que é esencial para o municipio meco.
-Xa levan meses agardando polas axudas.
-Eu creo que paciencia non se pode dicir que non temos. Dixeron que ía ser en febreiro, despois en marzo, despois en abril... Non estamos armando ningún escándalo pero a Xunta dixo unha serie de cousa e non as está cumprindo. Non queremos pensar que nos están tomando o pelo porque nos enfadaríamos e tomaríamos unha mala decisión.
-Parece que todos os anos se repite a mesma historia
-Isto non pode continuar. Hai que poñerlle un punto e final e buscar unha solución definitiva. Non nos vale non pasa nada, xa arranxamos en xaneiro. Imos pasar este vía crucis unha soa vez. Queremos unha solución definitiva.
-O que está en xogo non é só o servizo de emerxencias. Tamén son as praias e os incendios.
-Está todo. No Grove temos un servizo vinculado a un grupo de voluntarios, que o apoia. E non se pode separar unha cousa da outra. O servizo apóiase nos voluntarios, que empezaron cando non había nada. Isto é un servizo que naceu dos voluntarios e son vinte anos de evolución que levou a crear un servizo profesional.
-Sempre presumen de que este sistema é moito máis económico.
-Non quero falar de cartos. O sistema do Grove funciona e é moito máis económico que o que se pode atopar en calquera outro sitio. Incluso garantindo eses doce ou quince postos de traballo, sigue sendo moito máis barato.
-¿Que é o que queren para O Grove?.
-Temos un servizo dimensionado ás nosas necesidades. Un servizo de primeira intervención. E é un servizo que salva vidas e iso está acreditado e recoñecido. Todo iso o temos polo traballo feito polos voluntarios. Este é o traballo de todos e para todos os veciños. Que teñamos que estar mendigando para mantelo empeza a ser cansino.
-Se non hai solución ¿ deixarán todo?
-Houbo unha asemblea da agrupación de voluntarios na que se adoptou a decisión de que se as cousas non se solucionan definitivamente os voluntarios teremos que cesar durante un tempo, para meditar o que imos facer e para que as autoridades se dean conta de se somos necesarios ou non. Ao mellor estamos equivocados e non se precisan socorristas nin nada. Xa nos preguntamos todo. Estamos desconcertados e nos sentimos un pouco enganados. Xa non confiamos nas autoridades.