Os Bolechas veñen de estrea ao auditorio de Vilagarcía

Serxio González Souto
Serxio González VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

A familia máis animada presentará o domingo, día 22, o seu novo espectáculo no auditorio

11 dic 2013 . Actualizado a las 20:48 h.

Poucas familias tan animadas coma Os Bolechas para dar cor ao Nadal. Esta mañá, a concelleira de Cultura de Vilagarcía, Rocío Llovo, anunciou con Teté Rocamonde, voceira de Bolanda, a promotora que dá vida os inquedos irmáns e o seu can, unha verdadeira primicia: Os Bolechas escolleron o auditorio da capital arousá para a estrea mundial do seu novo espectáculo, que coincide coa saída do prelo dun libro cedé no que colaboran varias das mellores bandas que percorren os escenarios galegos. A cita será o domingo, día 22, no auditorio.

O argumento desta nova aventura céntrase, xa que logo, no universo musical. Os Bolechas, que serán de tinta, papel ou trapo, pero non de pedra, fican engaiolados pola moda dos concursos musicais e queren participar nun deles. Como son nenos non os deixan, pero eles, fieis á súa lenda, son quen de argallar un xeito de actuar no festival malia todos os atrancos.

Á marxe do lanzamento do cedé, no que o punk, o rap e a electrónica mestúranse con cancións clásicas coma o propio himno dos Bolechas, a montaxe supón una auténtica novidade técnica, xa que por vez primeira serán os muppets que interveñen na serie de televisión os que suban a escena, interactuando con actores e, por suposto, co público. As entradas están á venda no portal Servinova e o propio día da función (domingo 22, ás 18.30 horas) no billeteiro do auditorio dende dúas horas antes do seu inicio. O prezo, 12 euros, dará dereito a descontos no posto de merchandising, no que entre outros artigos poderá mercarse o novo libro cedé: Os Bolechas cantan con Lady Vina.

A véspera, ás doce e media, haberá un pase exclusivo, tamén no auditorio, para os nenos que participan na Cabalgata de Reis.