O presidente da DOP ponlle voz ao «orgullo» do sector polo seu protagonismo en La Vuelta
21 ago 2013 . Actualizado a las 06:58 h.Batea, mexillón e Galicia son tres palabras que, dentro duns días, chegaranlles a miles de fogares do mundo enteiro acompañando os ciclistas de La Vuelta. O produto estrela da nosa acuicultura cobrou un protagonismo especial nunha proba que, por primeira vez na historia, «sae do mar». Dunha mexilloeira, claro. Quizais todo sexa grazas a Perico Delgado, que o ano pasado confundiu estes viveiros flotantes con artefactos nos que se cultivaban lagostas.
-¿Como tomaron aquel cazapo?
-Levamos unha sorpresa. Decatámonos de que o cultivo do mexillón de Galicia é algo descoñecido. Pero tamén sabemos que cando os turistas veñen e descobren o noso sistema de traballo, natural, sostible, quedan marabillados. Así que para nós o papel que se lles reservou ao noso produto e ás nosas bateas en La Vuelta é unha oportunidade para darnos a coñecer, para facerlles chegar aos consumidores que están lonxe non só a beleza das Rías Baixas, senón tamén o auténtico mexillón de Galicia e a nosa forma de traballar.
-Confese. Cando lle dixeron que querían que La Vuelta empezase nunha batea, ¿non pensou que lle estaban tomando o pelo?
-Non, non, a verdade é que non. Creo que a Deputación e Unipublic buscaban o principal atributo das Rías Baixas. E está claro que os parques de cultivo forman parte da beleza e da paisaxe das nosas rías. As bateas son patrimonio de Galicia. Aquí hai moito máis que amosar que a catedral de Santiago, e as nosas rías e con elas as bateas, son tamén bos símbolos. Por outra banda, todo isto é un recoñecemento aos homes e mulleres que desde mediados do século pasado están a traballar para que o do mexillón de Galicia sexa un sector estratéxico.
-En calquera caso, é toda unha aventura técnica, ¿non?
-Realmente é complicado, pero grazas ao empeño da Deputación, do Concello de Vilanova e de Unipublic, vai ser posible. Pola nosa parte, nós estamos colaborando en todo o posible. Pero claro que é difícil. Hai que pensar que é a primeira vez que esta proba sae do mar. E é dunha batea, unha batea auténtica, coas súas cordas de cultivo de mexillón...
-Supoño que é difícil de calcular a repercusión que vai ter todo isto...
-A saída da batea é a primeira etapa de La Vuelta, a que máis repercusión mediática vai ter. Vai ser vista en 170 países. E onde máis repercusión esperamos que teña vai ser nos países nos que hai un maior consumo de mexillón de Galicia: España, Francia e Italia. Por iso é moi importante dar a coñecer o noso sistema de cultivo e o noso mexillón. Por iso, a promoción de La Vuelta vai moi centrada no selo da DOP, para que o consumidor, aló onde estea, poida recoñecer o auténtico mexillón de Galicia.
-Por se non fora suficiente que La Vuelta saia dunha batea, a primeira mascota oficial da carreira é un mexillón...
-É certo. E estamos moi orgullosos. De novo, é todo un recoñecemento para a nosa actividade, para o noso traballo. E é unha forma de achegármonos aos nenos e facerlles que vexan que este é un alimento ideal para os nenos e, en xeral, para quen practica deporte. A través de Mexi-Llón inténtase promover un alimento ideal para quen quere adoptar uns hábitos de vida saudables.
-Fágalle un pouco de promoción ao mexillón.
-Eu creo que está claro. Grazas ás peculiaridades das nosas rías, e grazas tamén ao bo facer da xente que integra o noso sector, conseguimos producir o mellor mexillón do mundo. ¡Por algo se lle concedeu a primeira denominación de orixe protexida do mar a este produto galego!
-O tema de La Vuelta parece ter moi animado ao sector. Moitos bateeiros din que é o único bo que lles vai pasar nun verán negro. ¿Tan mal está a cousa?.
-Nestes momentos, a situación do sector é dramática. Entre outras cousas, debido aos peches administrativos que alteran o ciclo produtivo e que manteñen paralizada a actividade industrial, o que provoca falla de liquidez nas empresas. A iso hai que sumarlle que hoxendía hai unha gran cantidade de produto foráneo mal etiquetado no mercado. Malia que o temos denunciado reiteradamente, as administracións competentes non están facendo nada para que os consumidores que queren facer unha compra responsable a poidan facer, sabendo exactamente que compran. Foi ese descontrol o que levou a que a industria transformadora deixe de demandar cada ano entre oitenta e cen millóns de quilos de mexillón galego. Iso significa que a demanda se concentra no mercado de fresco. Tal e como estamos, co nerviosismo que hai, cando se produza unha apertura, haberá unha sobreoferta no mercado de fresco, o que acabará por traducirse nunha caída de prezos.