O prexudicado, o cidadán

La Voz DELEGADA DE CC.OO. EN XUSTIZA

AROUSA

21 jul 2013 . Actualizado a las 06:58 h.

Ante a pretendida privatización do rexistro civil polo ministro Gallardón, e a súa posta a disposición dos colegas de profesión de Mariano Rajoy, rexistradores da propiedade e notarios, amosamos a nosa frontal oposición e pedimos a retirada do proxecto, xa que supón unha volta de torca á dilapidación de recursos públicos. No rexistro civil foron investidos 128 millóns nos últimos anos para a súa modernización e agora vai ser entregado de balde a uns profesionais que parece que hai que compensar polo estalido da burbulla inmobiliaria. O maior prexudicado é o cidadán, que terá que asumir un repago xudicial, vía impostos e, agora, vía aranceis, en trámites cotiás que antes eran gratuítos -certificados de nacemento, defunción, matrimonio, adopción, fes de vida...-, amén de desprazamentos gravosos, por non haber rexistradores en todas as vilas e cidades. Por outra banda, ao saír da órbita pública, o rexistro perde a súa faceta garantista, a seguridade xurídica: non estará en arquivos oficiais, nin baixo a tutela e garantía da Administración. A nivel laboral, deixa cun destino incerto a máis de 3.500 funcionarios de Xustiza a nivel nacional, 200 na comunidade galega, planeando no futuro dos funcionarios reordenacións, mobilidades xeográficas ou amortizacións de cadro de persoal, formulismos legais para equiparar os EREs do sector privado á función pública.