Éesta a primeira vez que dende o Concello de Valga se pon en funcionamento un banco de libros. Nace esa iniciativa cun obxectivo claro: conseguir que as familias, nestes momentos de penurias económicas, teñan que comprar o menor número de manuais posible, de tal xeito que poidan destinar os cartos das becas de material escolar á compra de todas esas outras cousas -libretas, bolígrafos, etcétera- tamén precisas. Por en marcha este servizo levou o seu traballo, pero a boa disposición amosada tanto polos centros de ensino, como polos pais e as ANPA, fixo que todo resultase máis sinxelo. O primeiro paso que demos foi contactar cos colexios para saber cales son os textos que terán vida útil aínda o vindeiro curso. Agora abrirase un prazo para proceder á recollida destes libros. E de seguido farase o reparto do mesmo entre todos os aspirantes. Como é lóxico, e como é xusto, á hora de recibir estarán de primeiros na lista os que non dubidaron a hora de dar. É probable que coa iniciativa non consigamos que as familias poidan esquecerse de abrir o peto para a compra de libros. Pero calquera manual de menos que teñan que pagar será un éxito.