«O que fai máis dano son os mergulladores»

b. c. VILAGARCÍA

AROUSA

G ardacostas, a Garda Civil e as confrarías manteñen a vixilancia para evitar a entrada de marisco ilegal, por mar e terra, pero o problema segue aí.

-Crecen os comisos pero o furtivismo non decae ¿cal é a situación na ría de Arousa?

-Nesta época hai máis en puntos concretos pola situación económica. A xente tírase ao mar para sacar uns cartos. Pero o verdadeiro problema son os furtivos organizados.

-¿Xa non só é cousa duns cantos toxicómanos que queren sacar uns euros con urxencia?

-Non, o que fai máis dano son os mergulladores que collen todo o que atopan: vieira, centolas ameixas... É un problema estendido en toda Galicia que se mantén cunha infraestrutura de lanchas e comercializadores.

-A eterna batalla. Hai marisco ilegal porque hai quen o compra...

-Iso é o máis importante. Hai que cortar esa cadea. Na miña opinión persoal, coido que imos a mellor. Hai que ter en conta que os establecementos que compran este marisco corren riscos moi grandes. Sobre todo nos bivalvos estase facendo bastante control.

-¿Que me di da coordinación de medios de vixilancia entre Xunta, Garda Civil e confrarías, acadouse ao fin despois de tantos intentos?

-Si, estamos todos aí. Tratamos de non xuntar dúas lanchas no mesmo sitio.

-Ao marxe dos furtivos, o gran problema do sector é que non se vende. ¿Como se presenta a temporada de verán?

-Este vai ser un ano máis difícil que o ano pasado. Por moito que se vexa cría nas praias e nos bancos, o problema é que se consume moi pouco marisco.