Todos a unha co sector

Xavier Zas

AROUSA

23 sep 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Nun escenario de crise e depresión colectiva como o actual, quizais non esteamos a ser conscientes das dimensións que ano tras ano segue a acadar a Denominación de Orixe Rías Baixas. Daquela colleita récord do ano 2006, na que se superaron por vez primeira os 30 millóns de quilos de produción de uva, probablemente nin nos lembremos porque parece que xa nos afixemos a que os acontecementos sobreveñan a unhas velocidades moi superiores ás que adoitaban. Pero desde entón, ano tras ano, o número de hectáreas dedicadas ao cultivo das variedades autorizadas medrou case un 30 %. E da súa man, o número de profesionais que directa ou indirectamente perciben ingresos económicos vinculados ao sector. Porque cada vez que se bebe unha copa de albariño de Rías Baixas, en moitos dos mellores restaurantes e tendas do mundo, é para enorgullecernos do sector. Recóllense nela os esforzos e as horas de traballo de moita xente: as empresas de servizos e os viticultores que preparan as plantacións e que as coidan, as cuadrillas de podadores e vendimadores e incluso o persoal auxiliar nos embotellados, os propietarios e os empregados das empresas elaboradoras e comercializadoras de servizos especializados de apoio ao sector (comunicación, mercadotecnia, comercialización, transporte..., etcétera) e en xeral provedores e clientes do sector, sen esquecer a achega dos técnicos e das administracións involucradas. E entre todos temos que procurar non matar a galiña dos ovos de ouro, evitando posturas egoístas e cortoplacistas, e seguir mellorando día a día o que se leva feito nos últimos 30 anos. O sector está a traballar nun novo plan director para a denominación de orixe que, ao igual que ocorreu no realizado no 2001, trace as liñas mestras do que debe seguir a ser un medre ordenado e rendible para todos.